10 de maio de 2026

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A COMUNIDADE DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN DE CAMPOSANCOS CELEBROU ASEMBLEA XERAL ORDINARIA

Coa asistencia de 110 persoas comuneiras, respaldando o labor realizado pola xunta reitora


Vista aérea de Camposancos desde o Monte Santa Trega
Foto: Infogauda

Redacción / Camposancos

 Acta de Asemblea Xeral Ordinaria da Xunta da Comunidade de Montes de Camposancos, que se reúne no salón de actos o 9 de maio de 2026, en segunda convocatoria ás 17.00 horas, coa asistencia de 110 comuneiros e comuneiras, dos 206 que compoñen o censo, para seren informados dos diferentes asuntos e aprobar os puntos que figuran na Orde do día da convocatoria.  

 Puntos sometidos a votación:  

1.- Aprobación da acta anterior, aprobada por unanimidade. 

2.- Aprobación da liquidación de gastos do exercicio de 2025, aprobada por unanimidade. 

3.- Aprobación do orzamento para o exercicio de 2026, aprobado por unanimidade.  

4.- Actualización do censo de comuneiros e comuneiras coas altas e baixas que se acompañan:  

Altas: Elías Portela Lorenzo, Mark Peter Curtis e  Macarena González Pena.

Cambio de titular: Milagros Baz Mariño por José [María] Abreu Gómez  

Baixas por defunción: Amparo Amorín Lemos, María Elvira Almeida Domínguez, Camino López Rodríguez e  Josefina González Rodríguez.   

Baixa por cambio de domicilio: Celso Carrero Carrero  

5.- Convenio coa entidade San Xerome Emiliani en relación ao proxecto XERAEMPREGO de formación profesional dual. 

 O presidente informa sobre o estado do mesmo e a súa continuidade do proxecto ata a súa finalización, en xaneiro de 2027. Non hai comentarios nin preguntas. 

6.- Demanda xudicial promovida pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos. 

 O presidente informa sobre o estado da mesma e os retrasos na vista oral, provocados pola lentitude do traballo que está a desenvolver o perito xudicial. Non hai comentarios nin preguntas. 

7.- Autorizar á Xunta Reitora poder solicitar subvencións dos organismos oficiais. Apróbase por unanimidade. 

8.- O presidente informa sobre rescisión unilateral do contrato por parte da empresa que xestiona o hotel [do Monte Santa Trega] e cese da súa actividade; e sobre as causas que levaron a esta decisión por parte de Alda Hotels, alleas a calquera responsabilidade da Comunidade de Montes. E dá a coñecer á asemblea o documento notarial que pon fin á relación, con remate a 31 de decembro de 2026, quedando aberta, deste xeito, a oferta a novas empresas hoteleiras. Non hai comentarios nin preguntas. 

9.- Traballos realizados. 

 O presidente informa sobre os traballos que se realizaron nos terreos da Comunidade.  

 En primeiro lugar, o equipo de XERAEMPREGA, formado por 4 alumnos e 1 monitora, tratado con anterioridade no Punto 5.  

 En segundo lugar, a continuidade de labores de limpeza, labores de desbroce, en especial o que está a realizar o gando caprino, e a plantación de diversas especies. 

10. Autorizar á Xunta Reitora poder asociarse ou mancomunarse con outras entidades na procura de accións que revirtan en beneficio da nosa Comunidade. 

 Os comuneiros solicitan poder coñecer os termos da dita asociación, de producirse, para poder comprobar que non son prexudiciais aos intereses da Comunidade. 

 O presidente responde que nunca se levaría a efecto unha asociación con outra entidade en termos que non foran obxectivamente beneficiosos, como é o caso actual de asociación con MOVEGANDEX, entidade galega que agrupa a comunidades de montes veciñais co obxecto de integrar a gandería extensiva coa xestión forestal, na que a nosa Comunidade está moi implicada, como xa se comentou no punto anterior. Neste sentido, expón que, a través desta asociación, a nosa Comnidade pode optar a axudas económicas da Xunta de Galicia para ocuparse da limpeza perimetral dos terreos comunais. Non hai máis comentarios nin preguntas, e apróbase por unanimidade. 

11.- Autorizar á Xunta Reitora poder solicitar, se é necesario, un préstamo bancario. 

 O Presidente expón as causas desta necesidade debido aos gastos que xa ten ocasionado, e poderá seguir a ocasionar no futuro, a presente demanda xudicial interposta pola Comunidade de Montes de Salcidos. Sometida a votación, a autorización apróbase por maioría, coa abstención do comuneiro Ricardo Videira [Barcia]. 

12.- O presidente dá a coñecer os termos dun convenio de cesión temporal de terreos en precario da Comunidade de Montes, solicitado pola empresa gandeira da que é titular Elena Ozores. 

 O presidente explica as razóns que levan a formalizar o dito convenio, e expón o mutuo beneficio que este reporta a ambas partes, polo que solicita o refrendo da Asemblea. 

 Elías Rebollar [Vega] solicita máis informacións sobre a empresa e a súa titularidade, que son aclaradas polo presidente. 

 Sometida a votación, queda aprobado por unanimidade.  

13.- Suxestións e preguntas.  

 Non hai preguntas ni suxestións.  

 Non habendo máis asuntos a tratar, levántase a Asemblea ás 17:50 horas, en Camposancos, a día 9 de maio de 2026.   

Presidente: 

José Fernando Martínez Martínez 

Secretario:

Xosé M. Malheiro Gutiérrez

Ningún comentario:

Publicar un comentario