21 de xan. de 2026

CULTURA

A Deputación dedica un seminario a Maruja Mallo no Museo de Pontevedra, coa participación de Estrella de Diego e Patricia Molins 

 A cuarta edición do seminario ‘Museos, Feminismos, Canon’ terá lugar o venres 30 de xaneiro de 10:00 a 14:00 h, e contará tamén con comunicacións de alumnado das universidades de Vigo e Santiago de Compostela


Patricia Molins, comisaria da exposición que actualmente lle dedica o Museo Reina Sofía a Maruja Mallo
Fotos: Cedidas

Estrella de Diego, investigadora


Infogauda / Pontevedra

 A Deputación organiza o próximo venres 30 de xaneiro no Museo de Pontevedra a cuarta edición do seminario ‘Museos, Feminismos, Canon’, que nesta ocasión será unha xornada monográfica sobre Maruja Mallo. Entre as 10:00 e as 14:00 h no Edificio Castelao, desenvolveranse as conferencias de dúas expertas na figura da artista galega: a investigadora Estrella de Diego e Patricia Molins, comisaria da exposición que actualmente lle dedica o Museo Reina Sofía. O acceso ao seminario é libre. Entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal.  




 O seminario está centrado en revisar os estereotipos de xénero na arte e as lecturas sobre o rol da muller na historia e no presente. Esta edición vaina abrir Estrella de Diego, investigadora de referencia sobre a teoría de xénero e os estudos culturais poscoloniais e a construción de identidades na modernidade. É profesora da Universidade Complutense, autora do libro ‘Maruja Mallo’ (Fundación Mapfre, 2008) e integrante do equipo responsable do catálogo razoado de óleos de Maruja Mallo publicado en 2021.  

 A súa conferencia leva por título ‘Por qué as mulleres pintoras se chaman sempre “surrealistas”? O caso de Maruja Mallo’. De Diego interrogarase sobre o uso do termo “surrealista” para definir o conxunto da obra da artista e a partir de aí abordar algúns dos problemas asociados á clasificación das artistas mulleres segundo a historia da arte e como con frecuencia se disfrazan para conformar a narrativa.  

 A segunda conferencia será a cargo de Patricia Molins, membro do Departamento de Exposicións do Museo Reina Sofía e comisaria da exposición ‘Maruja Mallo. Máscara y compás’, que se exhibe no Reina Sofía en Madrid despois de pasar polo Centro Botín de Santander. Nesa mostra está cedido o cadro ‘Cabeza de muller negra’, unha pintura de 1946 da súa serie de retratos bidimensionais, que forma parte da colección permanente do Museo de Pontevedra.  

 O seminario incluirá tamén unha serie de presentacións de comunicacións relacionadas coa artista, a cargo de alumnado universitario: Ylenia González, da Universidade de Santiago de Compostela, e Jackeline Fernández, Jacobo Bugarín, Antonio Doñate, África Martínez e Sofía Nieto da Universidade de Vigo. A xornada pecharase cunha mesa de debate na que participarán as poñentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario