Xunta Provincial de Seguridade
Abel Losada destaca que a criminalidade baixou en 2025 un 4,17% no ámbito da Policía Nacional e só creceu un 1,42%, no da Garda Civil
O subdelegado do Goberno advirte de que os números da delincuencia acumulan tres anos consecutivos de baixada na provincia “polo que máis pronto que tarde chegará un rebote”
A Comisaría de Vigo-Redondela recorta os delitos nun 5,8%, Ponteve-dra baixa un 3,4%, Vilagarcía sobe un 3,1% e Marín sobe outro 5,8%
Losada apunta a unha ralentización no avance da ciberdelincuencia a resultas das campañas de concienciación e de formación dixital
Un total de 1.961 mulleres están dadas de alta no sistema VioGén
Foto: S. do G.
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, destacou hoxe as boas cifras da provincia en materia de seguridade tras analizar na Xunta Provincial de Seguridade as estatísticas de evolución da delincuencia durante o ano 2025. O número de delitos descendeu un 4,17% no ámbito urbano (demarcación da Policía Nacional) e rexistrou un leve avance do 1,42% no rural (demarcación da Garda Civil). O subdelegado subliñou que estas cifras consolidan o terceiro ano consecutivo de retroceso na criminalidade “nunha das provincias máis seguras dun dos países máis seguros do mundo”.
Losada felicitou polo seu traballo aos máximos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Pontevedra, é dicir ao tenente-coronel a Garda Civil, Óscar Grañas; ao comisario-xefe provincial, Juan José Díaz, e ao comisario de Vigo-Redondela, Ramiro Gómez. Na xuntanza participou tamén a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller, María José Rodríguez, e a secretaria xeral da Subdelegación, María Isabel Alonso.
O subdelegado indicou, coñecidos os datos da Policía Nacional e da Garda Civil, que a provincia volve situarse por debaixo dos 32.000 delitos anuais (á espera de que o Ministerio agregue os datos das policías locais na estatística oficial) o que indica con claridade que a evolución da delincuencia nesta provincia mostra “unha liña descendente”. “Dende o ano 2022 non paramos de baixar no número de delitos, o que fai pensar que é difícil que sigamos mellorando nos anos vindeiros e que máis pronto que tarde chegará un ano de rebote”.
O subdelegado destacou que mentres o número de delitos se reduciu o ano pasado o número de persoas detidas se incrementou nun 4,3%, o que significa tamén unha maior eficacia policial e contribúe a explicar as razóns desta mellora continua nas estatísticas que se vén manifestando dende 2022. “Hai uns 2.000 delitos que hai tres anos, pero, ao mesmo tempo, os delincuentes pasan cada vez máis polo calabozo e iso está detrás destes resultados”, afirmou.
A Policía Nacional rexistrou no conxunto das comisarías de Vigo-Redondela, Pontevedra, Vilagarcía e Marín un descenso de 764 delitos (-4,17%) ao longo do ano e realizou 3.085 detencións (un 3,1% máis). Por tipos de delitos incrementouse a violencia machista (un 6,1%) e descenderon os delitos contra a liberdade sexual (un 9,3%) e moi especialmente as agresións sexuais con penetración (un 46,6%) ata o punto que pasouse de 60 delitos do ano 2024 a 32 no ano 2025. Tamén baixaron os roubos con intimidación (-20,5%) e os roubos con forza (-13,2%).
Por comisarías destacouse que a de Vigo-Redondela volve pechar o ano cunha importante baixada, desta vez dun 5,8% (pasa de 12.802 delitos en 2024 a 12.052 delitos en 2025). A Comisaría de Pontevedra rexistrou unha baixada dun 3,4% na actividade delituosa (de 3.157 a 3.050 delitos), a de Vilagarcía rexistrou un incremento dun 3,1% (pasou de 1.707 a 1.761 delitos) e, finalmente, a de Marín aumentou un 5,8% ao ter pasado de 669 a 708 delitos.
A Garda Civil rexistrou 202 delitos máis (un 1,42%) durante o ano pasado e realizou 1.176 detencións (un 7,6% máis). Por tipoloxías delituosas, no ámbito rural da provincia produciuse un incremento dos furtos (un 10% máis), dos danos e especialmente dos roubos con forza nas vivendas (un 19,5% máis). A Garda Civil practicou 1.176 detencións, o que supón un 7,6% máis que o ano anterior.
O impacto da ciberdelincuencia
A Xunta Provincial de Seguridade tamén analizou o impacto da ciberdelincuencia, que dá signos de ralentización no gran crecemento experimentado nos últimos anos. Así no ámbito urbano avanza tan só nun 1,32%, mentres que no rural a alza é dun 7,2%, que, aínda que significativa, tamén é menor que nos anos anteriores. Por cidades, o impacto deste tipo de delitos sobe con máis forza en Pontevedra (un 23,3%), baixa en Vigo (un -4,1%), sobe tamén en Vilagarcía (un 3,5%) e, especialmente, en Marín (un 41,3%). Non obstante, Abel Losada matiza que falamos de 2.385 denuncias no conxunto das catro comisarías, das que 1.722 se corresponden con Vigo, 358 con Pontevedra, 175 con Vilagarcía e 65 con Marín, polo que estas porcentaxes de variación deben verse “con perspectiva”. “O relevante é que a ciberdelincuencia, que ten dobrado o seu impacto nesta provincia nos últimos anos, comeza a desacelerarse porque as campañas de prevención e formación dixital das Forzas e Corpos de Seguridade, do INCIBE, dos concellos e tamén das entidades bancarias están conseguindo que cada vez “pique” menos xente, aínda que segue a ser un grave problema e, moi especialmente, no conxunto da poboación maior”.
VioGén
Finalmente avaliáronse as estatísticas de violencia de xénero. Hai un total de 1.961 casos activos na provincia. Delas hai unha muller en risco extremo, 21 están en risco alto, 293 en medio e 1.646 en baixo. Un total de 1.285 vítimas teñen orde de protección, 97 dispoñen de teléfono Atempro (entrégase a criterio dos Servizos Sociais municipais ás vítimas de violencia de xénero e/ou sexual) e outras 43 dispoñen do dispositivo Cometa (entrégase polo Xulgado para asegurar que os maltratadores cumpran coa orde de afastamento).

Ningún comentario:
Publicar un comentario