6 de ago. de 2025

VIGO

CIG-Correos alerta de colas de até 45 minutos nas oficinas do Calvario e Balaídos 

 Denuncia á empresa por atentar contra a saúde do persoal, sometido a unha presión que dispara as baixas e os accidentes laborais 


A CIG cualificaba en datas recentes esta situación de pandemia silenciosa, pola gravidade do que está a acontecer, sen que Correos adopte medidas para aliviar as condicións nas que está a traballar o persoal

Foto: CIG

Infogauda / Vigo 

 A CIG-Correos vén de denunciar a situación de saturación de diversas oficinas  de atención público, con colas de máis de 50 persoas e con máis de 45 minutos de espera. Feito que se podía constatar este luns nas oficinas do Calvario e Balaídos e co que “Correos incumpre de esta maneira o plan de prestación do servizo postal universal, que establece un máximo de 8 minutos de espera”, denuncian. 

 A CIG-Correos sinala que esta situación non é nova. “É algo que se vén repetindo nos últimos veráns, debido ao peche das oficinas en quenda de tarde e á drástica redución de persoal”. Isto está a provocar, por unha banda, o malestar da cidadanía, que para acceder aos servizos da empresa pública, ten que dedicar unha boa parte da mañá e, pola outra, “a posta en risco da saúde laboral do persoal, que está a padecer unha inxente cantidade de baixas laborais, derivadas da presión a que se ve sometido”. 

Pandemia silenciosa 

 A CIG cualificaba en datas recentes esta situación de pandemia silenciosa, pola gravidade do que está a acontecer, sen que Correos adopte medidas para aliviar as condicións nas que está a traballar o persoal. A central sindical xa demandou da empresa coñecer os resultados das últimas  avaliacións psicosociais, “ao que a empresa se nega amparándose en non estar constituído o  comité de saúde laboral, polo que o sindicato reclamará esta situación diante da Inspección de Traballo”.  Cun número considerable de accidentes laborais no último mes, a CIG fai responsable á empresa “de calquera desgraza que poida suceder”. Lémbralle a Correos que é a súa obriga “velar pola saúde laboral do persoal”.  

Alarmante número de baixas 

 O número de baixas é alarmante a consecuencia da presión a que se está a someter o persoal, con cadros por debaixo do 50% en cada unidade de reparto ou oficinas, “mentres Correos gasta miles de euros en financiar La Vuelta, denuncian. Unha situación que cualifican de “auténtica tomadura de pelo e de falla de respecto á dignidade das e dos traballadores” e respecto da que denuncian que “prevalece o abono do sobresoldos aos directivos, por obter perdas fronte a saúde do persoal e a calidade do servizo á cidadanía

 “Estase atentando contra a saúde das e dos traballadores” afirman, asegurando que a única alternativa é denunciar na Inspección, “á vista de que a empresa reacciona mirando para outro lado os requirimentos da central sindical”.  

 A central sindical reclama ademais, da Ministra de Traballo, “que non sexa cómplice da situación que se está a dar na empresa pública  e  tome medidas para reverter a situación de precariedade a que se está a levar o persoal da sociedade estatal”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario