6 de ago. de 2025

ECONOMÍA

A CIG non asina o preacordo de convenio de Pescanova pola perda de dereitos que supón 

 Acusa a CCOO e UGT de renunciar á loita sindical e de pregarse ás ameazas da empresa 


Vista das instalacións de Nueva Pescanova, en Chapela

Foto: CIG

Infogauda / Compostela 

 A sección sindical da CIG de Pescanova non asina o preacordo de convenio ao que chegaron CCOO, UGT porque supón unha perda de dereitos para as traballadoras e traballadores. Acusa a CCOO e UGT de consentir as ameazas da empresa e de renunciar á loita sindical. 

 Segundo explican, a CIG non asinou o acordo porque “a empresa manifestou que co incremento salarial pactado, ao noso entender insuficiente, remataba a negociación económica deste convenio e aínda faltan por negociar todos os pluses, a compensación das horas extras, os permisos retribuídos e demais”. 

 En relación ao traballo de domingos e festivos, a CIG rexeita que “a empresa pretenda despachalos cun plus de 50,78€ que é inferior ao que se cobra a día de hoxe nos centros industriais”. A proposta implica que “o domingo só se cobre en proporción ás horas que se traballen”, o que supón “unha renuncia ao que xa se ten gañado en sentenza firme, nalgúns centros, que non é outra cousa que cobrar o plus de domingo completo, independentemente do tempo que se vaia traballar”. 

 Nese sentido, sinalan que “non está recoñecida a condición máis beneficiosa de centros como Arteixo en canto a traballar un festivo, que implica cobrar horas extras e xerar 1 día de vacacións”. 

Perda de dereitos consolidados 

 A representación sindical critica, ademais que “o futuro convenio estatal do grupo Pescanova non inclúe nin horarios de traballo nin período no que desfrutar as vacacións do verán”. Actualmente, estas están limitadas a xuño a setembro, e fóra dese período, a empresa paga unha penalización de 200€. “O que veñen de asinar a empresa e os seus cómplices é que, na práctica, as vacacións vanse coller cando decida a empresa, sen penalizacións”, denuncia. 

 Ademais, alertan de que “este convenio de grupo supón que unha vez causen baixa definitiva na empresa as persoas traballadoras que actualmente teñen xornada de luns a venres, todo o persoal terá imposta a xornada de luns a domingo”.  

 Nese contexto, a sección sindical afirma que “temos claro que a empresa e os seus cómplices xa teñen un acordo pactado para un convenio estatal do grupo Pescanova; no que estamos agora é a farsa dunha representación teatral para ‘darlle forma’ ao acordo e disfrazar esta renuncia á defensa dos dereitos de todo o persoal de Pescanova”.  

 Rexeita a xustificación de CCOO e UGT, que argumentan que “a ameaza de imposicións máis duras fíxonos priorizar o mantemento de dereitos e avanzar no posible sen retroceder”. Fronte a isto aseguran que “esta declaración, tan exacta nos comunicados das dúas organizacións, demostra que a tiñan acordada, e supón unha confesión da súa inutilidade como centrais sindicais ao consentir as ameazas da empresa e asumilas renunciando á loita sindical e á mentira de manifestar que non se perden dereitos”. 

 Denuncian por iso que “este acordo supón un recorte de dereitos que afectarán ao actual persoal e, en maior medida, aos compañeiros e compañeiras que se incorporen a traballar no grupo despois da sinatura deste convenio de grupo”. 

 Nese sentido, afirman que “estas dúas centrais sindicais seguen na senda da venda de dereitos que tanto nos custou adquirir á clase traballadora, demostrando, unha vez máis, a súa posta a disposición dos intereses das empresas”. 

 En todo caso a sección sindical da CIG de Pescanova comprométese a “seguir loitando de maneira activa para que iso non suceda e combateremos esa venda dos nosos dereitos alí onde teñamos presenza e se nos requira; tanto a nivel legal como, prioritariamente, co que é a nosa principal marca de identidade, a loita sindical nos centros de traballo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario