Rafa Domínguez destaca o éxito de público da Bienal de Pontevedra, con máis de 48.000 visitantes no seu ecuador
• A Deputación celebra os datos de participación da cita cultural máis relevante do verán en Galicia e subliña o seu impacto positivo para a cidade e o sector artístico
Infogauda / Pontevedra
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, puxo en valor esta mañá os datos de visitas recollidos no ecuador da Bienal de Arte de Pontevedra, que superou xa os 48.000 asistentes nas súas diferentes sedes expositivas e programas paralelos. "Estes números confirman o que xa se percibía nas rúas e nos espazos culturais da cidade: a Bienal é hoxe o evento cultural máis importante de Pontevedra e un dos máis destacados do verán nacional", subliñou Domínguez.
A programación, que arrancou o pasado 21 de xuño, reúne exposicións internacionais e artistas de referencia repartidos en trece sedes da cidade. A afluencia de visitantes foi constante, con picos significativos nas fins de semana e nos espazos como o Pazo da Cultura, as Ruínas ou os edificios Castelao e Sarmiento. "Estamos ante un éxito rotundo de participación que fala do interese da cidadanía pola arte contemporánea e do acerto que supón recuperar esta cita para Pontevedra tras anos de ausencia", afirmou o vicepresidente.
A estes datos súmanse as actividades paralelas, tamén cunha gran resposta de público. Só no ciclo Conversas con Artistas, máis de 200 persoas participaron nas sesións con creadoras como Carmen Hermo, Violeta Quispe, Almudena Fernández Fariña ou Marina Núñez. Pola súa parte, o programa de Cine, Arte e Guerra, cunha selección de filmes que reflexionan sobre os conflitos bélicos, rexistrou aforos moi positivos en cada pase. Tamén o ciclo de Artes Vivas, cunha performance inaugural multitudinaria a cargo de Vasco Araújo, acadou cifras moi destacadas, incluíndo a actuación de Janet Novás, en Ponteareas, que congregou a preto de 200 persoas e o espectáculo de danza no Complexo deportivo Rias do Sur con preto de 400 asistentes.
"Non só falamos de cifras, senón do que significan: Pontevedra está no mapa internacional da arte grazas á Bienal, e iso é unha magnífica noticia para a cultura, o turismo e a proxección exterior da cidade", asegurou Domínguez, quen agradeceu o traballo do equipo comisarial e do persoal técnico da Deputación. "Estes resultados confírmannos que a cultura pode ser un motor real de dinamización, e a resposta da xente está a superarnos todas as expectativas".
A Bienal manterá a súa actividade durante os próximos meses, con novas actividades programadas e visitas guiadas abertas ao público, mantendo así a súa aposta por un modelo de cultura accesible, internacional e profundamente vinculado ao territorio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario