18 de ago. de 2025

OPINIÓN

OS INCENDIOS, UNHA CATÁSTROFE SEN IDEOLOXÍA


  Carballeda de Avia (Ourense)
Foto: Brais Lorenzo

Pablo Costas Salinas

 Larouco, Oímbra, Ourense, Chandrexa de Queixa, Xinzo de Limia, Vilariño de Conso,...

 Estes son só seis dos concellos saqueados polas poutas demoníacas do lume. Unha provincia agotada ao ver o fogo a escasos metros dos seus fogares. Miles de persoas desaloxadas e arrincadas de todo o que queren en tan só nuns minutos. Incendios que non só deixan horror na nosa comunidade senón que traspasan as fronteiras e se vislumbran en Portugal, Estremadura, Castela e León. Distinto territorio, mesmo medo. Patrimonio natural destrozado e arrasado. Oénse bágoas. Os animais e a vexetación senten tamén a desolación e moito perece na máis remota soidade. A angustia e o desazo chega a todas as casas aínda que non se vexa o lume.

 Sinto carraxe. Faltan medios e a xente de a pé ten que tomar os seus propios caldeiros e afrontar toda esta situación. Persoas que, inexpertas, senten a obriga de meterse entre as chamas e arriscar a súa vida. Mentres piden socorro e acode a axuda, o rural é devastado por unha catástrofe sen escrúpulos. Toca marchar e deixar que este pesadelo remate. “Onde agardo eu estes inquedos momentos?”–pensan sen alma os veciños. “Por que non podo ir buscar nin sequera un cartón de leite?”– claman chorando arrastrados por un garda. Todo isto ocorre dun momento a outro.

 Sinto mágoa. Os montes, os campos son aniquilados por un fogo pérfido, impávido e pouco trémulo e os distintos partidos políticos botándose a culpa uns aos outros. Pero non ven que non é o momento? Nestes intres, nos que a xente sofre e hai un risco tan grande, o que menos desexamos é saber se este ou aquel é inocente, se había tres, catro ou cinco eucaliptos. Iso non corresponde aínda. Agora é momento de unirse, de traballar en equipo, de saber que calquera voluntario é como o ouro máis preciado, de intentar atopar a calma, de buscar o apoio na persoa ao meu carón, en definitiva, de controlar o fogo.

 Sentimos desidia. A mala limpeza dos nosos montes, a falta de auga e de axuda ou calquera malfeitor pirómano que queira danar os nosos bens son as causas posíbeis, moitas veces evitables. Estamos acostumados a desinteresarnos ata que chega o punto do terror. Se estamos chegando a estes límites, de ver todo tan descoidado, por qué estrañar que haxa incendios?

 En fin. Que todo este soño angustioso teña solución axiña. Que todos os núcleos afectados polos incendios encontren amparo en calquera de nós, especialmente do sector político. Que as nosas relacións sexan máis humanas en todo, no día a día.

 Está claro que nos necesitamos uns aos outros. Saibámolo sempre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario