30 de xuño de 2025

PONTEVEDRA

FEMUPO clausura o Proxecto Ás

 Con 13 mulleres formadas no manexo profesional de drons 


Na imaxe, as 13 mulleres que completaron con éxito a formación, obtendo a acreditación oficial como operadoras de UAS na categoría aberta A1/A3 e A2

Foto: Cedida

Infogauda / Pontevedra

 Vén de celebrarse en Pontevedra, o acto de clausura do Proxecto Ás, unha iniciativa impulsada pola Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) e financiada pola Deputación de Pontevedra, coa que se formou a un grupo de mulleres no uso profesional de drons. 

 Das 16 mulleres participantes seleccionadas, 13 completaron con éxito a formación, obtendo a acreditación oficial como operadoras de UAS na categoría aberta A1/A3 e A2. Este logro representa un paso importante cara á inserción laboral feminina en sectores tecnolóxicos fortemente masculinizados. 

 O acto de peche contou coa presenza da deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos, que quixo acompañar ás participantes nun día moi especial, recoñecendo o seu esforzo e o valor deste tipo de programas para avanzar cara á igualdade real de oportunidades. 

 Durante a clausura fíxose entrega dos diplomas acreditativos e dos drons persoais a cada unha das mulleres formadas. Ademais, a xornada incluíu unha demostración práctica de voo, onde as participantes puideron amosar as súas novas habilidades. 

 “Este proxecto é unha aposta pola igualdade, pola formación con futuro e polo empoderamento real das mulleres. Desde FEMUPO estamos orgullosas de seguir abrindo camiños onde antes había barreiras”, sinalaron desde a organización. 

 O Proxecto Ás ofreceu unha formación de 24 horas (16 horas de teoría, 4 de prácticas e 4 de exame), en colaboración con profesionais acreditados pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), e con accións formativas presenciais en Pontevedra e Tui. A entrega do dron ao finalizar o curso permite ás participantes continuar practicando e explorar oportunidades laborais ou de emprendemento neste sector en expansión. 

 Desde FEMUPO agradecen á Deputación de Pontevedra o seu compromiso co avance das mulleres, así como a todas as entidades e persoas colaboradoras que fixeron posible este proxecto transformador.

Ningún comentario:

Publicar un comentario