O PSOE DA GUARDA ESIXE A REPARACIÓN OU RETIRADA DOS COLECTORES SOTERRADOS DO PORTO
Infogauda / A Guarda
O Grupo Municipal Socialista da Guarda vén de presentar no Concello “unha moción para esixir actuacións urxentes ante a situación de deterioro e abandono dos colectores soterrados situados na zona do porto precintados pola Policía Local o día 28 de xuño”.
Desde o PSdeG-PSOE lembran que “durante anteriores mandatos, o goberno municipal apostou por un modelo de colectores soterrados, especialmente en contornos de alto valor como o porto, co obxectivo de mellorar a estética urbana, reducir os malos olores e ofrecer unha solución máis limpa, accesible e respectuosa co medio. Un investimento que, para os/as socialistas, contribuíu a modernizar a imaxe da vila e a adaptala ás necesidades da veciñanza e das persoas que nos visitan.
Con todo, o actual equipo de goberno decidiu deixar fóra de funcionamento tanto os colectores desta zona como os da rúa Julia Vaquero, argumentando un suposto custo de mantemento elevado. A falta de conservación derivou nunha situación crítica: o afundimento das chapas metálicas que cobren os colectores obrigou recentemente á Policía Local a precintar a zona ante o risco para as persoas”.
“Non só está en xogo a seguridade da cidadanía, senón tamén a imaxe que A Guarda proxecta. O porto é un espazo emblemático que non pode ofrecer un aspecto de abandono e desleixo”, sinalan desde o Grupo Socialista.
O PSOE da Guarda considera inadmisible que unhas infraestruturas públicas financiadas con fondos de todas e todos estean a deteriorarse sen que o Concello actúe. Por iso, a moción presentada propón un acordo claro: que o goberno municipal actúe de inmediato para reparar e poñer en funcionamento os colectores, ou que, no caso de non querer recuperalos, proceda á súa retirada definitiva e segura da vía pública.
“O que non se pode permitir é que sigan precintados no medio dunha zona pública tan sensible, sen función algunha e xerando riscos e unha imaxe deplorable”, conclúen.
Desde o Grupo Municipal Socialista lembran que os colectores soterrados son unha solución moderna, eficiente e perfectamente viable se hai vontade política e unha xestión responsable. E engaden que non actuar sería unha mostra máis da deixadez e falta de proxecto do actual goberno local.
Ningún comentario:
Publicar un comentario