18 de mar. de 2025

CULTURA

Xulia Vicente Vaquero, estudante de Publicidade e RRPP, finalista dos Premios Nacionais de Creatividade 

 Foi unha das seis seleccionadas na categoría de novas e novos talentos 

  O seu traballo formará parte do 'Anuario de la Creatividad Española'


Xulia Vicente Vaquero, na gala de entrega dos Premios Paraugas, na que acadou dous galardóns

DUVI / Pontevedra 

 Os Premios Nacionais de Creatividade 2025 reunirán a industria publicitaria española este venres e sábado en Donostia (San Sebastián) e alí estará tamén a estudante da Facultade de Comunicación da UVigo Xulia Vicente Vaquero, como finalista da categoría Jóvenes Creativos. O traballo desta alumna do Grao en Publicidade e Relacións Públicas foi un dos seis seleccionados, de entre preto de 200 candidaturas, polo xurado responsable duns galardóns dirixidos a recoñecer as e os novos talentos do sector, no marco dun evento no que se premian os mellores traballos publicitarios do ano en España. A súa proposta e o resto de finalistas formarán parte así mesmo do Anuario de la Creatividad Española, na que a entidade promotora destes premios, o Club de Creatividad (c de c), reúne os mellores anuncios do ano. 

 “Xa non é só alucinante o feito de quedar finalista, senón aínda máis permanecer ‘gardada’ nun anuario que significa tanto”, salienta Xulia Vicente, quen destaca o valor de poder figurar, “aínda sen rematar a carreira”, nunha publicación que reúne anualmente “campañas de axencias e xente que admiro”, sinala. De feito, estes Premios Nacionais da Creatividade contaron neste 2025 con 1463 inscricións, que darán lugar a 423 mencións e 181 proxectos recollidos na XXVI edición deste anuario. De aí que esta estudante defina como “algo así coma un soño” a súa presenza como finalista na gala de entrega destes galardóns, despois de ter participado no evento en 2022 como voluntaria. 

Un reto común para todos os participantes 

 As e os participantes na categoría de Jóvenes Creativos debían enfrontarse, segundo informou a organización, “ao desafío de deseñar unha acción de comunicación” para Mahou. Esta empresa convidaba os novos creativos e creativas a idear proxectos que contribuísen a “volver a posicionar a marca como líder na activación do patrocinio deportivo en España”. Concretamente, a súa proposta centrábase na procura de “ideas de accións innovadoras que aproveiten estratexicamente os descansos durante os partidos de fútbol profesional”, para que a marca poida xerar impacto e conexión coas súas audiencias. 

 “Sen dúbida, foi un reto bastante grande, ao tratarse dun tema que non é a miña especialidade, pero aí tamén estaba o divertido”, recoñece Xulia Vicente, que admite que “nunca fun unha apaixonada do fútbol”. Mais, desenvolver ideas para un sector que non é familiar “tamén potencia moito a creatividade”, engade esta estudante, que organizou un grupo de discusión cos seus amigos “máis futboleiros”, co obxectivo de reunir ideas para o seu proxecto. O resultado final foi La cantera de Mahou, unha proposta que busca conectar o público dos estadios coas e cos futbolistas máis novos. 

 Esta proposta converteuna nunha das finalistas deste certame, xunto a estudantes das escolas Brother Valencia, Aula Creativa, The Atomic Garden e da Barcelona School of Creativity. Un xurado integrado por oito das e dos responsables dos Premios Nacionais de Creatividade 2025 e por unha persoa en representación de Mahou entregarase de decidir o nome dos gañadores dos premios ouro, prata e bronce desta categoría, no marco dos actos que o CdeC promove este venres e sábado. 

 “Ao principio, tardei un pouco en asimilar o feito de ser finalista”, recoñece Xulia Vicente, que non agardaba este pase á final dun concurso ao que, recoñece, concorreu “con poucas expectativas e moita fe” na súa idea. Neste punto, Xulia Vicente admite que optou por presentarse porque lle “apaixona” desenvolver este tipo de proxectos, mais o feito de “quedar finalista ou gañar premios creo que é algo que sempre abre moitas portas no futuro profesional”. Nese senso, a súa selección como finalista deste certame veuse precedida polos dous galardóns que acadou o pasado mes de novembro nos IX Premios Paraugas, promovidos polo Clúster da Comunicación de Galicia e nos que esta alumna foi recoñecida co premio do público e o galardón para novos talentos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario