A Guarda contará co servizo dos VIDOC da Policía Nacional
• Deste xeito, ademais de facilitar a expedición do DNI, A Guarda contará cun novo servizo, a expedición do pasaporte. E tamén se poderán actualizar os certificados dixitais do DNIe
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda vén de facer público no día de hoxe, que esta localidade contará co novo servizo do Vehículo Integral de Documentación (VIDOC), da Policía Nacional.
Estas unidades móbiles - e, obviamente, o persoal adscrito a elas - teñen a capacidade de expedir o pasaporte e o DNI de forma instantánea, polo que xa non sería necesario achegarse dous días ao Concello para realizar o trámite de renovación do DNI.
Asemade, ademais de facilitar a expedición do DNI, A Guarda contará cun novo servizo - a expedición do pasaporte -, evitando traslados a outras localidades para estes trámites. Nestes VIDOC tamén se poderán actualizar os certificados dixitais do DNI, xa que contan cun punto de actualización do DNIe portátil.
Está previsto que as VIDOC cheguen á Guarda nos próximos meses, instalándose na praza do Reló. Ao achegarse a data, informarase dos cambios que supoñan respecto o método utilizado ata a data.
Vehículos Integrais de Documentación (VIDOC)
Dentro do Plan de Identidade Dixital, o Goberno de España, a través de Ministerio do Interior, adquiríu e transformou un total de 80 Vehículos Integrais de Documentación (VIDOC) cun custo de transformación de case 15.000.000 de euros, financiados pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia
Ata o momento atópanse operativos un total de 21 vehículos de expedición por distintas provincias españolas e, de forma inminente, despregarase o resto da frota que prestará servizo naqueles núcleos de poboación onde non existen dependencias de Policía Nacional
Os vehículos VIDOC –con capacidade de expedir tanto o pasaporte como o DNI de forma instantánea- prestaron servizo por primeira vez en Valencia para facilitar a expedición do DNI, de maneira gratuíta, aos cidadáns afectados pola DANA
Ningún comentario:
Publicar un comentario