Magenta Atlantic, adquiriu Flores Toxal, S.L.
• Asegurando asi a actividade dunha compañía con mais de 40 anos de antigüidade
Infogauda / A Guarda
Magenta Atlantic, adquiriu Flores Toxal, S.L.. A operación concluíuse coa firma na notaría de A Guarda, o venres día 14 de marzo, asegurando así a actividade dunha compañía con mais de 40 anos de antigüidade. Dese xeito, a prestixiosa marca TOXAL vai continuar coa súa actividade de produción de flores na Guarda.
Para tomar esta decisión tívose moi en conta a gran experiencia do equipo humano que conforman os traballadores de TOXAL, unha experiencia e traxectoria que sería unha pena que se deixase perder. O prestixio que ten recoñecido polos clientes de Toxal non se podía perder.
Esta operación consolida a Magenta Atlantic como un dos principais referentes do sector en España e Portugal, preservando a marca “Toxal” como símbolo de flor de alta calidade producida no Baixo Miño.
MAGENTA ATLANTIC, S.L., grupo empresarial con sede central en Tomiño (Pontevedra), aglutina un conxunto diversificado de empresas líderes no sector da produción, comercialización, distribución e exportación de flores e plantas ornamentais. A empresa mais coñecida e con mais estrutura comercial do grupo, é Veraleza, con presenza multinacional.
MAGENTA ATLANTIC, céntrase no desenvolvemento integral da cadea de valor da floricultura, desde a produción en viveiros propios ata a comercialización en mercados especializados en toda Europa. Isto inclúe a introdución de novas especies ornamentais, o perfeccionamento de técnicas de cultivo e a adopción de modelos de negocio que integran criterios de sustentabilidade, calidade, innovación e mellora continua Este investimento alíñase coa estratexia do grupo de seguir crecendo de forma orgánica na produción e comercialización de flores e plantas, achegando á agricultura os métodos máis avanzados, impulsando a sustentabilidade e modernización da produción agraria en Galicia, aproveitando o coñecemento e a experiencia acumulada por Flores Toxal en máis de 40 anos de traxectoria. Como primeiro paso nesta nova etapa, para a campaña de 2025 prevese a produción e comercialización de máis dun millón de talos de flor, co obxectivo de seguir crecendo mediante a incorporación de novas especies e variedades innovadoras de alto valor ornamental, adaptadas ás novas tendencias e demandas do mercado.
"O noso compromiso é fortalecer a continuidade e evolución de Toxal, apostando pola innovación e a excelencia para consolidar o liderado do Baixo Miño na floricultura", sinala Jose Collazo, director de Produccion e Desenvolvemento de Magenta Atlantic.
Ningún comentario:
Publicar un comentario