27 de feb. de 2025

TURISMO

Galicia Suroeste será certificado Destino Turístico Starlight 

 Os traballos para acadar a certificación xa foron iniciados, así como a adhesión de todos os concellos do territorio á “Declaración sobre a Defensa do Ceo Nocturno e o Dereito á Luz das Estrelas” 

 A iniciativa axudará a diversificar e desestacionalizar a oferta, e significa un paso máis en firme cara un turismo máis respectuoso e sostible  


Varias persoas prepáranse para observar o firmamento de noite

Foto: C.T.

Infogauda / O Baixo Miño

 Galicia Suroeste inicia os tramites para a certificación como destino Starlight, seguindo a folla de ruta establecida no Plan Estratéxico da entidade e no Plan de Sustentabilidade Turístico en Destino do que é órgano xestor.

 A Fundación Starlight é a creadora dun sistema de certificación mediante o cal son acreditados aqueles espazos que posúen unha excelente calidade do ceo, e que representan un exemplo de protección e conservación destes. O sistema baséase nos principios recollidos na “Declaración sobre a Defensa do Ceo Nocturno e o Dereito á Luz das Estrelas” (Declaración de La Palma 2007).  

 Aqueles destinos certificados, son escenarios que incorporan a observación do firmamento como parte do seu patrimonio natural, paisaxístico, cultural e científico, e fomentan a súa vez o “Turismo das Estrelas” (astroturismo).  

 Para acadar esta certificación, Galicia Suroeste xunto aos concellos teñen iniciados xa os trámites, consistentes na adhesión da propia entidade, e de todos os concellos englobados no perímetro a certificar, á “Declaración de La Palma”; e ten procedido oficialmente á inscrición correspondente ante a Fundación.  

 Nos vindeiros meses, serán realizados varios traballos para acadar a certificación, para a cal o destino deberá superar unha auditoría que avaliará diversos criterios. Deberá superar os requisitos ambientais, consistentes na calidade do ceo nocturno e diúrno, e relativos a recursos naturais, culturais e científicos; contar cunha estratexia en alumeado intelixente e innovador; requisitos relativos aos recursos técnicos, infraestruturas e servizos; calidade e satisfacción da oferta turística existente; unha estratexia para a xestión dos recursos relacionados coa luz das estrelas; calidade e satisfacción das persoas usuarias por parte da demanda, tanto de turistas, como da sociedade civil; xestión do coñecemento, investigación, innovación, educación e información; e a macroxestión do Programa Starlight e a súa retroalimentación.  

 Galicia Suroeste vén de adxudicar o contrato para realizaros traballos de asistencia técnica para a certificación, e nestes momentos a empresa adxudicataria está abordando a fase documental e científica. Rematada esta fase, prevista para finais do mes de abril, iniciarase a  auditoría por parte da propia Fundación. A previsión é acadar a certificación no segundo semestre deste mesmo ano.  

 Coa execución deste proxecto, enmarcado dentro do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia”, financiado con Fondos da Unión Europea – Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation, a entidade e os concellos ratifican o seu compromiso na loita contra o cambio climático, coa protección e preservación do medio ambiente e cos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario