A Xunta destaca en Ourense o traballo de tornería de madeira de Aitor Martínez como exemplo do talento e o dinamismo da artesanía de Galicia
• O director xeral de Comercio e Consumo participou hoxe na inauguración dunha exposición deste artesán, gañador do Premio Joven Promesa 2024 no Círculo Fortuny e finalista de Artesanía de Galicia e Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2024
Infogauda / Ourense
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, achegouse hoxe ata a tenda AO Domini, en Ourense para asistir á inaguración dunha exposición con pezas da colección Mundos, do artesán Aitor Martínez López de Arbina (Tomiño), especializado en madeira. Durante o acto, Alén destacou o valor escultórico e a calidade de execución das pezas deste artesán que o ano pasado foi recoñecido co Premio Joven Promesa nos Premios Mestre Artesán do Círculo Fortuny, ademais de resultar finalista no Premio Artesanía de Galicia 2024 coa súa obra JU e no Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía coa súa colección Códigos del alma.
Aitor Martínez fusiona técnicas tradicionais de torneado coa escultura de madeira en verde. O seu traballo está moi centrado no propio material, no uso de madeiras autóctonas e coa trazabilidade documentada a través da ferramenta FORTRA coa idea de poñer en valor a orixe e a materia da que se dispón no territorio.
A súa mostra, que se poderá visitar ata o día 26 de febreiro en horario de 12:00 a 18:00 horas, marca o inicio dunha programación de exposicións comisariadas por Lilia Méndez, responsable da tenda AO Domini, no primeiro andar do mesmo edificio no que se sitúa esta tenda, que está adherida á marca Artesanía de Galicia e foi recoñecida no ano 2024 co Premio Comercio Emprende.
AO Domini é un establecemento que destaca pola súa forte aposta pola artesanía de alta calidade no eido do interiorismo e do téxtil, combinando tradición, innovación e sustentabilidade en produtos únicos. Ofrece pezas de autor elaboradas por artistas locais cos que se colabora participando no proceso creativo e priorizando a exclusividade do produto e a sustentabilidade na produción, xa que se utilizan téxtiles recuperados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario