14 de feb. de 2025

A GUARDA

PARALIZADA A CONSTRUCIÓN DO PUNTO LIMPO DA GUARDA “POR NUMEROSAS IRREGULARIDADES NA SÚA TRAMITACIÓN” 

Anxo Lois Baz (BNG): “Proxectar unha obra en terreos do Rosal que ademais están afectados polo polígono industrial amosa as claras o nivel de incompetencia do Alcalde da Guarda”  


Anxo Lois Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda, diante do cartel da obra do novo punto limpo

Infogauda / A Guarda

 O novo punto limpo anunciado polo goberno guardés, proxectado no lugar do Viso, na Gándara, orzamentado en 320.000€, queda paralizado por numerosas irregularidades que se produciron na súa tramitación. Así acábao de facer público o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG), no Concello de A Guarda. 

 Segundo indica o BNG, o informe xurídico preceptivo para a súa execución non deixa lugar a dúbidas ao considerar que “da superposición de planos resulta, que a parcela elixida non é apta para a construción do novo punto limpo por estar proxectado sobre terreos localizados no  termo municipal do Rosal, quen advertiu, que unha parte da parcela en cuestión, está incluída no Rexistro de Bens do Concello de Rosal nunha superficie de 1.651 m2”. Non soamente se proxecta a obra sobre terreos localizados no termo municipal de O Rosal, senón que mesmo invade os bens pertencentes a ese concello.  

 O informe tamén aclara que a parcela localízase no ámbito do Proxecto Sectorial do Parque Empresarial da Guarda- O Rosal ademais de que o seu acceso faise a través dun camiño de terra sen asfaltar, que non é apto, para o tránsito de vehículos pesados.  

 O portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda Anxo Lois Baz Vicente manifestou; “proxectar unha obra en terreos do Rosal, que ademais están afectados polo polígono industrial e  carecen do acceso que precisa unha infraestrutura deste tipo, amosa as claras o nivel de incompetencia do alcalde da Guarda”  

 O nacionalista rematou decindo: “evidentemente a veciñanza da Guarda  ademais de quedarnos sen o novo punto limpo, imos  ter que facer fronte a uns gastos de indemnización a empresa contratada por non poder levar adiante o proxecto así como ao pago dun proxecto de obra que tampouco se vai  levar adiante. Estamos diante dun goberno municipal presidido por un  alcalde trapalleiro e incapaz, que cada día que pasa  mete  a xente da Guarda nun novo problema”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario