Tomiño vai acoller as xornadas de formación “Alzheimer de preto”
• Impartidas por unha psicóloga e unha traballadora social especializadas na temática, as sesións terán lugar na Escola Obradoiro de Goián os días 3 e 4 de decembro pola tarde
Infogauda / Tomiño
FADEAL (Federación Atlántica de Asociacións de Familiares de Persoas con Alzheimer e outras Demencias), co financiamento da Deputación de Pontevedra e en colaboración do Concello de Tomiño, impartirá unha sesión formativa gratuíta enmarcada no proxecto “Alzheimer de preto”.
Os días 3 e 4 de decembro, de 16:30h a 18:30h, AFAGA Alzheimer vai impartir na Escola Obradoiro de Goián do Concello de Tomiño, unha sesión formativa sobre Alzheimer e outras demencias, dirixida principalmente a coidadores/as de persoas cunha demencia neurodexenerativa, pero tamén a persoas diagnosticadas en fase moi temperá así como a calquera persoa interesada na temática.
Segundo datos que achega FADEAL, as demencias teñen unha alta incidencia (estímase que afectan ao 31,25% das persoas que superan os 85 anos), especialmente en Galicia, cunha poboación altamente envellecida. Ademais, o contexto rural experimenta un fenómeno de sobre envellecemento ao que se lle engade unha escaseza de servizos e ausencia de intervencións. Esta realidade non só afecta á persoa que padece a enfermidade, senón tamén a todo o núcleo familiar.
Por este motivo, ponse a disposición das persoas afectadas esta formación gratuíta, que será impartida por unha psicóloga e unha traballadora social especializadas na temática. O obxectivo é formar, orientar e axudar a persoas que se atopen nesta situación, achegando coñecementos e recursos para poder afrontar mellor a enfermidade e mellorar a calidade de vida da persoa con demencia e da súa familia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario