Volve a Tomiño a campaña “Nadal + Nadal”, na que decorar os comercios e comprar na vila, teñen premio
• Organiza a iniciativa o Concello, que destina 4.500 euros para destacar os mellores traballos de decorado por parte do comercio, e para os clientes que merquen nos locais tomiñeses
Infogauda / Tomiño
Un ano máis por estas datas, chega a Tomiño, a campaña de promoción do comercio local “Nadal + Nadal”. O Concello continúa tentando, como vén facendo nos últimos anos, de dinamizar a actividade comercial local cunha iniciativa que busca non só premiar aos veciños e veciñas que apostan por facer as súas compras na localidade, senón tamén a todos os donos ou donas de casas comerciais que decoran e embelecen os seus establecementos e escaparates cheos de luces, cores e adornos típicos do Nadal.
Os establecementos comerciais ou de servizos de Tomiño que desexen participar terán que facer a súa solicitude a través da sede electrónica da páxina web do Concello, onde deberán cubrir unha instancia. Teñen ata o día 2 dedecembro para facelo.
Os comercios participantes na campaña terán que comprometerse a manter decorados os seus escaparates ou locais comerciais, con elementos naturais ou reciclados e decoración de Nadal, desde, como mínimo, o día 9 de decembro de 2024 ata o día 6 de xaneiro de 2025, dando lugar á creación da “Ruta Nadal + Nadal”. Como en anos anteriores, os establecementos que participen terán dereito a entrar no concurso de premios á mellor decoración. Así, se establecen dous primeiros premios (mellor escaparate e mellor local) dotados con 500 euros, e outros dous segundos premios (mellor escaparate e mellor local) dotados con 250 euros cada un. Aqueles locais que xa foran premiados nas campañas 2022 e 2023, non poderán optar a premio nesta edición.
Tamén as persoas que merquen nos comercios da localidade poderán ser premiados. Para iso, os clientes ou clientas de comercios tomiñeses adheridos á campaña, terán á súa disposición, unha urna na que poderán depositar os seus tíckets e optar deste xeito, a conseguir un vale de compra polo dobre do gastado. Establécese un mínimo de 20 euros e un máximo de 100 euros para participar no sorteo, que se celebrará o propio 27 de decembro tras a apertura de urnas no salón de plenos do Concello, ás 20.30 horas. Nese momento extraeranse tíckets que sumen ata 1.500 euros, e entregaranse as correspondentes compensacións, dispoñendo para tal fin de ata 3.000 euros que, sumados aos premios polos escaparates e comercios, fan un total 4.500 euros para repartir entre os participantes na campaña.
O xurado, que estará formado por 2 representantes do comercio tomiñes, 2 artistas locais e 1 representante do propio Concello, premiará á decoración máis orixinal nas modalidades de establecemento e escaparate o mesmo día do sorteo dos vales de compra depositados nas urnas, que será o 27 de decembro próximo.
A alcaldesa, Sandra González, explica que desde o equipo de goberno pretenden “seguir poñendo en marcha iniciativas coas que dar pulo ao noso comercio e animar ás tomiñesas e tomiñeses a mercar nas tendas da vila, especialmente en datas tan sinaladas como é o Nadal”.
Nesa procura da dinamización do comercio local, a campaña busca tamén crear un ambiente agradable e atractivo nas rúas que anime á veciñanza a facer as súas compras sen saír da vila, fomentando, ao mesmo tempo, un comercio local sostible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario