31 de out. de 2024

A GUARDA

PRESENTADO NA CONFRARÍA DE PESCADORES SANTA TECLA O PLAN DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA -LONSOLAR

O custo total do proxecto é de 28.768,36 €


A Confraría de Pescadores Santa Tecla, de A Guarda, realizou onte a xornada de difusión do proxecto "Plan de Aforro e eficiencia - LonSolar"

Fotos: Cedidas



Infogauda / A Guarda

 Onte mércores, 30 de outubro de 2024, a Confraría de Pescadores Santa Tecla, de A Guarda, realizou a xornada de difusión do proxecto "Plan de Aforro e eficiencia - LonSolar". 

 Este proxecto, correspondente a convocatoria de 2023, ao abeiro da Orde da Consellería do Mar, da Xunta de Galicia, de 14 de setembro de 2023 - pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027, e se convocan as correspondentes ao ano 2023 (código de procedemento PE155A) -, fora aprobado en data 19 de decembro de 2023.

 Foi financiado con fondo FEMPA nun 70% (18.526,82 €) e pola Comunidade Autónoma de Galicia nun 30% (7.940,06 €). 

 Na presentación interveu por parte da confraria, Nacho Carballal, que fixo unha pequena introducción do proxecto coas actuacións que fixeron e das entidades que colaboraron nel. 

 A continuación interveu a xerente dos GALP Ria de Vigo-A Guarda, Elena Herbello, indicando que hai liñas de axudas para proxectos innovadores e convidando aos presentes que non dubiden en contactar con eles para asesoramento de proxecto, entregando tripticos aos presentes. 

 Para rematar a xornada, fixo a súa intervención Mónica Fernández, da empresa Inelsa, S.L., que presentou i explicou en que consistia a instalación así como a previsión de datos de aforro económico que se poden acadar.

 LonSolar consiste nun proxecto de Implantación dun Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética na Lonxa da Guarda, fundamentalmente a través de dúas accións: 

▪ Identificación e promoción de boas prácticas. 

▪Posta marcha dunha instalación de enerxía fotovoltaica.

Principais obxectivos do proxecto

▪  Potenciar as boas prácticas en materia de aforro e eficiencia enerxética actualmente implantadas nos procedementos de traballo da confraría. 

▪  Identificar puntos de mellora no relativo ao aforro e eficiencia enerxética nos procedementos de traballo da confraría. 

▪ Implantación de enerxías renovables. 

▪ Redución das emisións de CO2.

Resultados concretos previstos coa implementación do proxecto  

▪ Dotar ao edificio da Lonxa dunha instalación de produción de enerxía renovable fotovoltaica 

▪ Contribuír á redución da pegada de carbono das actividades desenvolvidas pola Confraría da Guarda e os seus asociados 

▪ Reducir nun 30% o gasto de enerxía eléctrica anual 

▪ Aportar, mediante a redución de custes enerxéticos, maiores recursos económicos á Confraría. 

▪ Mellorar a competitividade do conxunto das persoas asociadas a través da redución de custes en elementos secundarios da cadea de valor 

▪ Fomentar o concepto de sustentabilidade e proximidade en todas a cadea de valor da actividade marítimo-pesqueira desenvolvida no ámbito de actuación da Confraría 

▪ Achegar ao conxunto das persoas usuarias da lonxa e cidadanía da Guarda un modelo de produción enerxética sostible, autosuficiente e renovable. 

▪ Integrar na xestión da confraría ferramentas dixitais de monitorización e xestión da produción enerxética. 

▪ Crear sinerxías con outros sectores (enerxías renovables) para contribuír á xeración de valor nas actividades marítimo pesqueiras.

Obxectivo estratéxico das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo  (EDLP)  

 Fomento da economía azul nas zonas pesqueiras e acuícolas mediante o apoio á diversificación dentro e fóra do sector da pesca comercial, a aprendizaxe permanente e a creación de emprego nas zonas pesqueiras e acuícolas.    

Obxectivo específico da EDLP

 Mellorar a competitividade dos sectores tradicionais da economía azul como son a pesca artesanal o marisqueo e a acuicultura. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario