Oia acolleu o I Campionato Galego de Parapente Precisión
• Celebrado a pasada fin de semana
Infogauda / Oia
Oia acolleu a pasada fin de semana o I Campionato Galego de Parapente Precisión, organizado polo Club Planeamos, co apoio da Federación Galega de Aeronáutica (FAG) e a colaboración do Concello.
A competición desenvolveuse co obxectivo de promover, promocionar e incentivar o voo libre en parapente e estivo dirixida a pilotos licenciados pola Federación. Contou con dúas categorías de voo monopraza, unha xeral e outra feminina.
As persoas participantes despegaron desde o alto da montaña, na zona noroeste, e dirixíronse cara a diana situada na Estrada Vella, preto do Mosteiro de Oia, nunha contorna de beleza incomparable.
A competición contou con altas doses de emoción, así como de amplas demostracións de destreza e habilidade por parte dos e das pilotos en liza. Neste sentido, cabe destacar a exactitude á hora de calcular a caída, procurando aterrar xusto no punto onde estaba a diana. De feito, a precisión na aterraxe foi o factor determinante na avaliación de cada un dos voos.
Así as cousas, a clasificación quedou do seguinte xeito:
XERAL:
1º.- Xulio Villarino (Club Parapente Ferrol).
2º.- Diego Jalda (Club Parapente La Térmica).
3º.- Diego Pimentel (Club Nortada).
FEMININA:
1ª.- Vanessa Feal (Club Parapente Ferrol).
2ª.- Mela Rodríguez (Club Parapente Ferrol).
A entrega de trofeos contou coa presenza do presidente da FAG, Miguel González; a alcaldesa de Oia, Cristina Correa; e o concelleiro de Deportes, Modesto Pereira.
Na súa primeira edición, a actividade contou con moi boa acollida de participantes e tamén de público, que puido observar as habilidosas manobras dos deportistas e gozar da paisaxe oiense, dominada polo contraste entre o mar e a montaña. O Concello agarda que esta competición se consolide no calendario anual e que Oia siga a ser un destino referente nesta práctica deportiva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario