Traballo por proxectos e innovación marcan o labor educativo das cinco aulas do CRA Mestra Clara Torres
• O próximo curso 2024/25 continuarán as cinco aulas que ten no termo municipal en Areas, Baldráns, Guillarei, Pexegueiro e Ribadelouro, ofrecendo a escolarización de nenas/os de 3 a 6 anos na súa contorna
Infogauda / Tui
Unha metodoloxía activa con traballo por proxectos é a que ofrece o Colexio Rural Agrupado Mestra Clara Torres, de Tui. Estes enfoques buscan romper as barreiras tradicionais do aprendizaxe, ofrecendo unha experiencia educativa máis rica e significativa. A súa é unha aposta porque os nenos e nenas de entre 3 e 6 anos se escolaricen na súa contorna máis próxima creando comunidade e abrindo as aulas á participación das familias.
O CRA Mestra Clara Torres conta con aulas Areas, Baldráns, Guillarei, Pexegueiro e Ribadelouro estando a súa sede na antiga aula das Bornetas. O CRA Mestra Clara Torres ofrece innovación nas súas aulas, é un centro plurilingüe, con aulas mixtas, que promove a inclusión e a aprendizaxe colaborativa. Este mesmo curso na sede inauguraron unha aula Maker, na que se propicia a convivencia entre o alumnado e o profesorado das distintas aulas. O centro busca tamén facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, e que os nenos poidan acudir ao colexio no seu entorno máis próximo, polo que ofertan tanto aula matinal coma comedor. Trece profesores e profesoras distribúense nas cinco aulas do CRA, formando parte tamén equipo unha orientadora e un profesor ou profesora de relixión. Nos últimos anos, a través do programa Generación Docentes da Fundación Princesa de Girona reciben en prácticas a alumnado que cursa o Grao en Educación en distintas universidades españolas, nunha experiencia que resulta enriquecedora tanto para o ou a bolseira, como para o profesorado, o alumnado e as familias.
Recoñecementos
O CRA Mesta Clara Torres recibiu en 2021 o recoñecemento de Mellor Escola de España por parte da Fundación Princesa de Girona. O propio Concello de Tui recoñeceu a súa traxectoria outorgándolle a Medalla de Ouro.
Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles (ODS), e a Axenda 2030, están moi presente ao longo do curso escolar no proxecto educativo do centro, do mesmo xeito que as celebracións ou tradicións da parroquias nas que están ubicadas cada unha das aulas. Cumpren así un dobre obxectivo, intégranse na comunidade parroquial, e ao tempo prestan o servizo de escolarización, na propia contorna dos nenos e nenas. Con isto propician o asentamento da poboación ao prestar un servizo básico á cidadanía. Tamén é moi enriquecedor, tanto para o alumnado coma para o profesorado, a convivencia na mesma aula de nenos e nenas de idades entre os 3 e os 6 anos.
O CRA Mestra Clara Torres continuará desenvolvendo o seu proxecto educativo o próximo curso 2024/25 nas cinco aulas que ten ao longo do termo municipal en Areas, Baldráns, Guillarei, Pexegueiro e Ribadelouro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario