O pleno do Concello da Guarda aproba por iniciativa do BNG restituír ao galego as sinalizacións e nomes de rúas
Anxo Lois Baz (BNG): “O Concello ten a obriga legal e moral de promover e garantir o uso do galego”
Infogauda/A Guarda
O pleno do Concello da Guarda aprobou na sesión plenaria celebrada no día de onte, mercores, 30 de setembro, unha moción do BNG na que se acorda que os rótulos, indicadores e sinalizacións do concello estarán en lingua galega, tal e como marca a ordenanza para o uso da lingua galega. Así mesmo, acordou substituír as placas de todas as rúas e lugares da localidade que non están en galego por outras na lingua propia para dar cumprimento á Lei de normalización lingüística, que recolle que “os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”.
O portavoz do BNG, Anxo Lois Baz Vicente, criticou con dureza ao goberno municipal por incumprir sistematicamente a lexislación en materia de normalización lingüística: “En vez de corrixiren o rueiro municipal para adaptalo á lei, facendo gala dunha absoluta falta de respecto pola nosa lingua e pola legalidade vixente, colocan novas sinalizacións que vulneran a ordenanza para o uso da lingua galega”.
O nacionalista rematou a súa intervención dicindo: “a situación do galego, en claro declive tal e como se ve reflectido nos estudos realizados nos últimos anos, esixe actuacións claras que permitan reverter esta tendencia. As administracións e poderes públicos, ademais da obriga moral de defenderen os nosos intereses colectivos, teñen a obriga legal de promoveren e garantiren o uso do galego”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario