23 de set. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Atlético Guardés sofre ante un Portugal físico, pero resiste (26-22) 

O equipo baixomiñoto volveu demostrar capacidade de aguante no amigable deste mércores ante a Selección absoluta de Portugal (26-22) 

As de Prades saíron fortes, pero víronse superadas pronto por un rival moi físico, alén de contrariadas pola actuación arbitral. A perseveranza e a resistencia deron os seus froitos nunha serie de accións finais brillantes que desembocaron na vitoria 

As xuvenís Silvia Lomba e Melina Rodríguez tiveron protagonismo neses minutos finais, así como Aintzane García desde o extremo 


Foto de familia ao rematar o encontro amigable no pavillón municipal A Sanrgiña
Foto: CBAG

Redacción Deportes/A Guarda

 O Atlético Guardés sofre, pero volve resistir. As de José Ignacio Prades víronllas este mércores de Santa Trega contra unha Selección Portuguesa física e disposta a deixar o carácter amigable do seu encontro nunha mera denominación.  

 Tras un inicio forte para ambos os rivais, cara ao minuto 8 o marcador comezou a decantarse cara ás locais, froito de varios matices defensivos ao seu favor que, polo momento, conseguían limitar o perigo dos exteriores de Carmen Figueiredo e outros perfís similares. 

 Aproveitou entón o corpo técnico local este encontro non competitivo para probar cousas novas, como un ataque a sete que, con todo, non deixou grandes sensacións. Nos minutos seguintes o Atlético Guardés sufriu varias imprecisións, perdendo uns catro balóns consecutivos e desaproveitando lanzamentos sinxelos cara a porta. Grazas a eses compases mellorables por parte do anfitrión, as lusas comezaron a abrir oco.  

 Reconduciu a estratexia Prades e pronto volveu o desempeño habitual das guardesas á pista. Un acerto desde os sete metros de Cristina Cifuentes devolvía as táboas ao luminoso (10-10, min. 24) a falta de poucos minutos para o descanso, e foi a partir de entón cando a tensión do encontro subiu de ton xa de forma inconfundible. 

 As decisións arbitrais foron moi cuestionadas pola bancada dunha A Sangriña bastante frecuentada neste festivo de Santa Trega. Unha acción defensiva agresiva deixou a Blazka Hauptman sangrando polo nariz e fóra de xogo todo o encontro, pero sen castigo, aínda que si con resposta do público baixomiñoto, así como outras designacións de posesión tampouco ben sinaladas para o xuízo da afección local. O partido foise ao descanso no seu pico de tensión, de novo cos dous empatados (11-11, min. 30). 

 A segunda parte seguiu a mesma dinámica, co visitante veciño aumentando a esixencia a cada pouco. A agresividade non parou e o equipo portugués valeuse da súa superioridade en altura para comezar liderando e tratar de decantar o ritmo cara á súa comodidade. 

 Varias recuperacións de María Palomo e Noelia Solla, transformadas por esta última e por Carme Castro, deron ao Atlético Guardés entón a oportunidade de volver ás táboas (14-14, min. 37), deixando clara a súa intención de responder a pesar das dificultades. O rival ibérico respondeu coa mesma intensidade, e unha cotenada deixou entón KO a Ania Ramos, que tampouco puido volver á pista xa, visiblemente mareada e cun golpe na fronte.  

 E foi entón cando o anfitrión transformou a impotencia no que mellor sabe facer: valerse do apoio dos seus para ter a última palabra e pechar o partido con boas sensacións. Tomaron agora protagonismo as xuvenís convocadas por José Ignacio Prades: tras varios minutos sumados por Sabela Lomba desde o extremo na primeira metade, era agora a quenda de Silvia Lomba mandando desde a posición central e de Melina Rodríguez baixo paus. A de Salceda deixou dúas paradas consecutivas vitais para o resultado final, complementadas polos 3 goles de pleno da anterior para superar, por fin, a barreira do empate e forzar a desesperada nas visitantes (24-22, min. 58).  

 Nos últimos compases o gran diálogo defensivo entre Noelia Solla e Daniela García que xa fora palpable antes do descanso volveu facerse notar, xerando unha perda no ataque vital das lusitanas que a pontevedresa transformou noutro gol que seguía abrindo a ferida fatal. Un roubo de Cifuentes na acción final desembocou nunha acción idéntica e outro tanto de Solla, para pechar o partido cun parcial 4-0 que deixa claro o difícil que é vencer na Sangriña aínda con todo a favor (26-22, final).  

 O Atlético Guardés retomará a competición a próxima semana, coa visita ao Zonzamas de Lanzarote o martes, 29 e coa primeira eliminatoria da EHF European League o sábado e o domingo na Sangriña.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario