A devoción a Santa Trega, avogada da cabeza e do corazón, non decae
• A Guarda volveu vivir este mércores, 23 de setembro, a súa xornada máis tradicional e emotiva coa celebración da festividade de Santa Trega, patroa do antigo Concejo da Foz do Miño
Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda
Desde as primeiras horas do día, cando aínda non amencera, o monte de Santa Trega foi recibindo os primeiros romeiros chegados de distintos puntos do Baixo Miño, especialmente da Guarda e do Rosal. Un ano máis, a devoción á santa natural de Iconio, discípula de san Paulo e primeira mártir do cristianismo, volveu congregar centos de persoas arredor da súa capela-santuario, nunha celebración na que a fe, a tradición e o encontro veciñal camiñan da man.
Malia que boa parte da mocidade guardesa desenvolve hoxe a súa actividade laboral en empresas da área metropolitana de Vigo e mesmo alén do Miño, o 23 de setembro continúa a ser unha data sinalada no calendario da maioría dos habitantes da Guarda. A chamada da multisecular Irmandade do Clamor volveu atopar resposta nos cumes do monte que leva o nome da santa, mantendo viva unha tradición que se remonta a varias xeracións.
Santa Trega é a patroa do antigo Concejo da Foz do Miño, territorio que comprendía as sete parroquias que daquela formaban a xurisdición: Santa María da Guarda, San Lorenzo de Salcidos, Santa Isabel de Camposancos, Santa Mariña do Rosal, San Miguel e San Xoán de Tabagón e San Bartolomeu das Eiras. A posterior segregación do Rosal deu lugar á actual configuración municipal, pero non rompeu os lazos históricos e devocionais que continúan unindo estas parroquias arredor da santa.
Unha mañá de oración e devoción
Antes mesmo do abrente, os devotos foron achegándose á ermida para rezar e realizar ofrendas florais ao longo dos vía crucis. Posteriormente celebráronse tres misas rezadas, ás 8:00, 9:00 e 10:00 horas, que prepararon o ambiente para o momento central da xornada.
Ás 11:00 horas deu comezo a misa solemne, a celebración litúrxica máis concorrida do día. A afluencia foi tal que numerosos fieis tiveron que seguir a eucaristía desde o exterior do santuario.
A cerimonia foi presidida polo bispo da diocese de Tui-Vigo, Antonio José Valín Valdés, e concelebrada polo párroco de Santa María de A Guarda, Juan Luis Martínez Diz, xunto cos sacerdotes Carlos Pablo Moratilla de Vargas, superior dos Padres Somascos e vigairo parroquial da Guarda; Ángel Soliño Fernández, párroco da Visitación de Santa María de Camposancos, e Avelino Baquero Alonso, párroco de San Lorenzo de Salcidos.
A ofrenda oficial correu nesta ocasión a cargo de Carmen Sara e Jesús, profesores do Colexio San Xosé da Guarda.
Entre os asistentes atopábase o alcalde da Guarda, Alberto José Álvarez Carrero, acompañado por membros do goberno municipal. Tamén participou unha delegación da cidade portuguesa de Póvoa de Varzim, encabezada pola presidenta da Câmara Municipal, Andrea Silva, e integrada por membros do executivo municipal e persoal técnico.
A xornada contou igualmente coa presenza de representantes da Armada e de membros das sete parroquias que formaron parte do antigo Concello da Foz do Miño, reafirmando así o carácter supramunicipal dunha festividade que segue a funcionar como punto de encontro para as comunidades de ambas as beiras do Miño.
Santa Trega volve percorrer os camiños antigos
Rematada a misa solemne, chegou un dos momentos máis emotivos da xornada: a procesión coa venerada imaxe de Santa Trega.
Varias mulleres devotas encargáronse de sacar a imaxe do santuario. Algunhas delas fixérono mesmo descalzas, como mostra da súa particular expresión de fe. A santa foi portada en andas e acompañada por autoridades, veciños e varias decenas de persoas, entre elas nenos e mozos vestidos con traxes tradicionais e portadores das súas respectivas ofrendas.
O acompañamento musical correu a cargo do Grupo de Gaitas do Club da Terceira Idade da Guarda, dirixido por Eduardo Rodríguez Sobrino, que puxo música ao percorrido.
A procesión recuperou o itinerario tradicional que xa fora anunciado en 2025 polo daquela párroco, Juan José González Estévez. Desde a ermida, a comitiva dirixiuse cara ao pé do pico de San Francisco para continuar posteriormente en dirección ao pico do Facho, facendo parada diante do púlpito ao aire libre, para a beizón dos froitos da terra e do mar, e emprendendo despois o regreso ao santuario.
Tratábase, segundo se explicou desde a parroquia, do percorrido que se realizaba antigamente, recuperando así unha parte da memoria histórica da celebración.
Xa no interior da ermida, a chegada da imaxe foi recibida co canto das antigas ladaíñas medievais: «Deus ouvide a nós. Santa Trega rogai a Deus por nós. Kyrie eleison. Deus ouvide a nós». A continuación, os fieis que o desexaron puideron achegarse para bicar o relicario da santa.
Como manda a tradición, os nenos que participaron levando as ofrendas recibiron da Irmandade do Clamor bolsas de caramelos.
A tradicional e concorrida poxa dos froitos
E se a mañá estivo marcada pola solemnidade dos actos relixiosos, o ambiente cambiou pouco despois coa celebración dun dos actos máis singulares da festa: a poxa dos froitos.
Centos de persoas congregáronse diante do púlpito ao aire libre para asistir a unha tradición que mantén vivo o antigo costume das ofrendas á santa. Peixe de coiro curado ao sol, mariscos, froitas, hortalizas —con especial presenza das tradicionais restras de cebolas e pementos—, espigas raíñas, tapetes, licores tradicionais galegos e sobremesas caseiras foron algúns dos produtos postos á venda pública.
En total, foron 98 os lotes poxados, con prezos que nalgúns casos alcanzaron unha valoración especialmente elevada. A recadación obtida destínase á Irmandade do Clamor, entidade eclesial encargada de organizar os diversos actos e xubileus que se celebran ao longo do ano na ermida de Santa Trega.
A poxa volveu demostrar que a tradición non é simplemente unha lembranza do pasado, senón unha actividade capaz de reunir arredor dun mesmo espazo a persoas de diferentes idades.
O 5.073, número afortunado
Ao remate da poxa chegou outro momento esperado: o sorteo da tradicional regueifa ou torta de Santa Trega, que, como é habitual, agocha ademais un agasallo para a persoa agraciada.
O número premiado nesta edición foi o 5.073. A persoa afortunada atopábase presente no lugar do sorteo e puido recibir así o premio en directo.
Un xantar compartido ao aire libre
Co remate dos actos litúrxicos e das actividades tradicionais, o monte converteuse nun enorme espazo de convivencia.
O carácter familiar da romaría volveu quedar patente durante o xantar. Cada familia deu conta das viandas preparadas na véspera ou mesmo durante as primeiras horas da mañá, compartindo mesa ao aire libre e, en moitos casos, ofrecendo parte da comida a quen se incorporou á celebración de maneira imprevista.
Os romeiros foron ocupando os lugares que consideraron máis axeitados: baixo a sombra dos piñeiros do parque forestal de Cháns, nos miradoiros ou no Cancelón. A comida, a conversa e o encontro entre familiares e amizades prolongaron durante horas unha xornada que ten tanto de celebración relixiosa como de festa popular.
Co devalar da tarde, os romeiros foron descendendo pouco a pouco do monte para dirixirse cara ao parque do Cancelón, no Montiño. Alí, moitos volveron reunirse para a tradicional merecenda-cea, mentres músicos populares da Guarda poñían o acompañamento espontáneo a unha tarde que acabou converténdose, como noutras ocasións, nunha celebración colectiva.
Unha tradición que continúa viva
A festividade de Santa Trega coincide coas témporas de setembro, tradicionalmente relacionadas coa predición da climatoloxía dos meses seguintes. Pero, por riba desta dimensión popular, a celebración continúa sendo un dos sinais de identidade máis arraigados da Guarda e do Baixo Miño.
Ata hai poucas décadas, a festa estaba protagonizada fundamentalmente polas mulleres do barrio da Marina. Desde hai algo máis de corenta anos, porén, a participación masculina foi medrando progresivamente, ata converter o 23 de setembro nunha auténtica xornada de encontro de toda a cidadanía do Baixo Miño.
Así, entre misas, procesións, ofrendas, gaitas, poxas, comidas compartidas e encontros familiares, a devoción a Santa Trega volveu facerse visible nos cumes do monte.
Unha devoción que, ano tras ano, continúa pasando de xeración en xeración e que mantén plenamente vixente a tradición dunha santa á que os seus devotos seguen invocando como avogada da cabeza e do corazón.



Ningún comentario:
Publicar un comentario