A COORDINACIÓN E A INNOVACIÓN TECNOLÓXICA CENTRAN A REUNIÓN PROVINCIAL PARA A CAMPAÑA DE INCENDIOS EN PONTEVEDRA
• Os delegados territoriais destacaron o aumento do orzamento destinado á loita contra os incendios
• Pablo Fernandez e Ana Ortiz lembraron a importancia da colaboración institucional e veciñal
Infogauda/Pontevedra
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presidiron esta mañá a reunión de coordinación provincial para a prevención e extinción de incendios forestais, un encontro clave orientado a maximizar a cooperación entre todas as administracións e corpos de seguridade de cara á campaña estival.
Na sesión participaron representantes das policías locais, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega), o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF), a Garda Civil e o Exército, co obxectivo prioritario de optimizar a mobilización e localización de todos os recursos humanos e materiais dispoñibles. Desde a Xunta destacouse que este ano vén precedido por un incremento orzamentario histórico en materia de prevención. O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) conta este ano co maior orzamento da súa historia, cun total de 213 millóns de euros. Deste montante, 75,38 millóns van destinados de xeito específico para prevención, un 50 % máis que o ano pasado.
A nivel operativo, a provincia de Pontevedra reforzará a súa capacidade de resposta coa incorporación de novas brigadas de extinción para este período. Así mesmo, a Delegación Territorial puxo en valor o forte compoñente tecnolóxico que se desprega este ano para protexer o monte galego, definido polos delegados como "un patrimonio de valor incalculable" que require a máxima protección. Entre as principais novidades técnicas destaca a implementación de sistemas de intelixencia artificial nas cámaras de vixilancia forestal repartidas polos montes, o que proporcionará unha vantaxe competitiva na detección temperá. A isto sumarase o incremento das propias cámaras e o uso de tres drons de vixianza.
Fernández subliñou a transcendencia deste despregamento técnico e o esforzo investidor do Goberno galego, incidindo en que a anticipación é a mellor estratexia. "Este ano a Xunta de Galicia vén de facer un esforzo aínda maior do que se viña realizando nos exercicios anteriores, tanto en dotación de medios humanos como en medios materiais. Agardamos que todo este investimento dea os seus froitos", declarou o delegado, quen insistiu en que o propósito fundamental da xuntanza é "estar todos coordinados para que, no caso de que sexa necesario actuar contra os lumes, estean ben localizados e optimizados todos os recursos".
Por outra banda, lembrouse o lanzamento da nova aplicación móbil "ALume", que xa está dispoñible para descarga, unha ferramenta de participación cidadá que permite a calquera usuario xeorreferenciar e reportar de forma directa un foco de incendio, activando de inmediato as alarmas do servizo autonómico para axilizar os tempos de resposta. As autoridades fixeron un chamamento explícito á concienciación e á colaboración veciñal, lembrando que arredor do 70% forestais son provocados. Para facilitar a denuncia de conductas sospeitosas de forma totalmente anónima e gratuíta, lembrouse a existencia do teléfono 900 815 085, que se suma ao número habitual de emerxencias e incendios 085.

Ningún comentario:
Publicar un comentario