Salcidos celebrará o San Xoán cunha churrascada popular, música e tradición arredor da fogueira
A praza de Salcidos converterase o vindeiro venres 19 de xuño no epicentro da celebración de San Xoán nesa parroquia guardesa, nunha xornada festiva organizada pola Asociación Cultural Festas de San Roque de Salcidos coa colaboración do Concello da Guarda e da Deputación de Pontevedra.
Baixo o lema “En Salcidos, por San Xoán, o churrasco molla o pan”, veciñanza e visitantes poderán gozar dunha noite de convivencia na que non faltarán a gastronomía, a música e as tradicións propias destas datas.
Un dos actos centrais da celebración será unha gran churrascada popular, na que se servirá costela, criollo, pan, auga e viño ao prezo de 12 euros por ración. A organización agarda reunir a numerosas persoas arredor dunha mesa compartida para celebrar unha das noites máis especiais do ano.
A programación contará ademais coa actuación musical de Roberto Caco, que será o encargado de animar a velada e poñer ritmo á festa.
Como manda a tradición, a fogueira de San Xoán terá tamén un papel protagonista nunha celebración que busca manter vivas as costumes populares e fortalecer os lazos comunitarios.
Desde a organización destacan o carácter participativo do evento e animan a toda a cidadanía a sumarse á festa: “Bailaremos, saltaremos a fogueira e recuperaremos as nosas tradicións”.
A Asociación Cultural Festas de San Roque de Salcidos convida a veciños, veciñas e visitantes a participar nesta celebración, pensada para desfrutar do ambiente festivo e da tradición nunha das noites máis emblemáticas do calendario galego.

Ningún comentario:
Publicar un comentario