BALONMÁN FEMININO
Lorena Téllez tampouco continúa no Guardés a vindeira tempada
• A cubana abandona o equipo baixomiñoto despois dunha única pero grande campaña
• Téllez chegou o pasado verán procedente do Aula e dunha lesión. Este curso viviu un importante crecemento deportivo ata ser un dos grandes piares do equipo guardés
• A lateral únese a Jazmín Mendoza, Amandine Balzinc, María Sancha e Ariana Portillo e é a quinta xogadora en saír do Club antes do 26/27
Redacción Deportes/A Guarda
O Atlético Guardés suma unha quinta saída para o vindeiro curso 2026/2027: a lateral cubana Lorena Téllez tamén abandona o equipo baixomiñoto a tempada que vén, despois dunha única pero brillante campaña vestindo a súa camiseta.
A lateral chegou a Galicia o verán pasado, buscando recuperar a súa mellor versión tras unha lesión que pechaba a súa etapa no Aula Valladolid. Co obxectivo en mente, a cubana conseguiuno con creces, converténdose dende os seus primeiros partidos na Guarda nun piar indiscutible da defensa do equipo baixomiñoto e nun efectivo goleador capaz de marcar a diferenza en moitas ocasións. Esta campaña, Téllez medrou en máis dun sentido da man do Guardés, se ben agora debe tomar un novo rumbo na súa carreira deportiva coa cálida lembranza destes meses na Sangriña.
A mesma xogadora recoñéceo, ao tempo que quere expresar “o meu máis sincero agradecemento a este Club, que foi a miña casa durante a tempada”. “Foi un ano de crecemento, aprendizaxes e momentos que levo comigo para sempre, tanto dentro coma fóra da pista”, explica a insular. Téllez quixo ter unhas palabras con tódolos colectivos que compoñen o Guardés, dende as súas compañeiras de equipo ata o corpo técnico e a afección, a todos eles “pola confianza e por facerme sentir parte de algo tan especial dende o primeiro día”. A lateral celebra o vivido e afirma: “marcho co corazón cheo de gratitude e coa satisfacción de telo dado todo en cada adestramento e partido”, ademais de co orgullo que supón recoller os froitos dese traballo co trofeo europeo. “Esta etapa sempre terá un lugar moi importante na miña carreira e na miña vida”, conclúe a xa exguardesa.
O Club Balonmán Atlético Guardés agradece a Lorena Téllez igualmente polo seu compromiso, a súa resiliencia e a súa aportación a nivel humano durante estes meses, nos que soubo facerse grande como persoa e como xogadora nos momentos máis complicados para aportar de xeito moi especial aos obxectivos colectivos. Lorena forma parte imborrable da historia da entidade, e o orgullo que poder compartir con ela o título da EHF European Cup non desaparecerá. Grazas por todo, Lore.
Lorena Téllez é a quinta baixa confirmada no cadro de persoal para a próxima tempada 2026/2027, uníndose a Jazmín Mendoza, Amandine Balzinc, María Sancha e Ariana Portillo. Polo de agora, transcenderon tamén a saída de Ana Seabra á fronte do corpo técnico e a continuidade de Cristina Cifuentes, Cecilia Cacheda, María Palomo e Ania Ramos. Nos próximos días iranse concretando os demais detalles sobre o proxecto para o curso vindeiro.
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario