Seguridade
Abel Losada dá a benvida aos 37 gardas civís en prácticas que se incorporan á provincia de Pontevedra
• Pontevedra recibe o segundo maior reforzo de Galicia, con efectivos destinados a 15 postos da Garda Civil
• O Goberno impulsa a maior promoción de gardas civís dos últimos anos, con máis de 3.000 prazas e unha nova convocatoria que será a máis ampla dos últimos 18 anos
Infogauda/Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, recibiu, xunto ao coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Manuel Touceda, aos 37 gardas civís en prácticas que se incorporan a diferentes unidades da provincia, no marco da chegada de 166 novos efectivos ás comandancias galegas.
Durante o acto, Abel Losada deulles a benvida e salientou o seu novo compromiso co servizo público. Tamén salientou que Pontevedra é a segunda provincia galega que máis efectivos recibe, un reforzo que contribuirá a incrementar a presenza da Garda Civil no territorio e a seguir garantindo a seguridade da cidadanía, especialmente durante os meses de maior actividade estival.
O subdelegado puxo en valor o esforzo do Goberno por seguir reforzando as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado cunha promoción que supera amplamente as 3.000 prazas, a máis numerosa dos últimos anos, e lembrou que a próxima convocatoria contará cun 4 % máis de efectivos, converténdose na maior dos últimos dezaoito anos.
Os gardas civís en prácticas prestarán servizo nos postos de Tui, Salvaterra de Miño, Ponteareas, Tomiño, O Porriño, Baiona, Mos, Pontevedra, Moaña, Cambados, Sanxenxo, Caldas de Reis, Valga, A Estrada e Lalín. Nestas localidades desenvolverán un período formativo de 40 semanas que lles permitirá adquirir a condición de gardas civís profesionais.
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario