O PSdeG-PSOE do Porriño esixe a Alejandro Lorenzo que dea a cara ante a falta de medios en emerxencias graves ocorridas esta fin de semana
Grupo Municipal do PSdeG-PSOE/O Porriño
A agrupación socialista do Porriño levou ao Pleno de Mayo unha moción na que se reivindicaba unha solución para os bombeiros do Consorcio, que atende a Concellos, dados os continuos peches parciais e totais que se veñen levando a cabo pola falta de persoal.
Reclamábanse solucións xa solicitadas hai dous anos en Pleno tamén “tan graves como o mal funcionamento do sistema de comunicación PTT e de terminais para os tres integrantes de quenda, xa que actualmente un queda incomunicado ao dispoñer só de dous” explica a concelleira socialista Sthela Táboas. O Partido Popular votou en contra desta moción.
Desde o PSdeG-PSOE non entendemos como o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, sendo á súa vez deputado provincial de Emerxencias, pode dar as costas a esta situación que repercute na seguridade das persoas e nas súas propias vidas.
Esta fin de semana, o sábado envorcaba un camión cisterna que transportaba combustible, no caso de ser substancias perigosas, os bombeiros do parque porriñés dispoñen de equipo NRBQ pero non puideron intervir, xa que os traxes especiais para iso atópanse caducados desde hai dous anos. “Esta situación xa foi comunicada xunto á dos RPT´s nunha moción levada a Pleno hai dous anos, polo que Alejandro Lorenzo nada fixo ata a data para reparar esta grave falta de medios laborais e de autoprotección, que redunda no servizo prestado aos cidadáns”, puntualiza Táboas.
O domingo, un escalador porriñés precipitábase desde unha altura de 12 m no Galiñeiro provocándolle graves lesións, pero o Parque de Bombeiros do Baixo Miño estaba pechado sen efectivos, tendo que acudir ao rescate desde o Parque de Bombeiros de Bueu.
Pero é que ademais, o complicado rescate atrasouse máis de dúas horas, ao ter que solicitar a intervención do Pesca 2 con base en Viveiro, a máis de 200 km do sinistro, dado que o Pesca 1 con base en Peinador, atopábase inoperativo.
Este luns, sobre o 8 h da mañá, producíase un accidente de tráfico con feridos atrapados en Salvaterra de Miño, pero o Parque de Bombeiros situado nas Gándaras abría as súas portas ás 9 h.
“Todos sabemos que o tempo de intervención médica en lesións de gravidade é vital, polo que esta situación é insostible. A poboación non está segura, os servizos de emerxencias non contan con medios suficientes e o servizo deteriórase unha vez que se privatizan. Non se pode ostentar un cargo simplemente para quentar asento en Deputación e cobrar a final de mes, hai que ser consecuente coas responsabilidades que implican a súa aceptación e, ser deputado provincial de Emerxencias conleva as súas que, ademais sendo alcalde do Porriño, estas responsabilidades multiplícanse por dúas” destaca a concelleira socialista.
O Partido Popular mantén o silencio ante estes graves feitos, cando é o máximo responsable xa que presiden tanto a Xunta de Galicia como a Deputación de Pontevedra, ambas as administracións integrantes do Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento.
Desde a agrupación socialista do Porriño “esiximos a Alejandro Lorenzo que dea explicacións públicas sobre a falta de medios de emerxencias, indique que medidas se están levando a cabo para solucionar esta situación e que garanta un servizo de calidade” finaliza a concelleira socialista Sthela Táboas.


Ningún comentario:
Publicar un comentario