Celebración do 25 aniversario de CETMAR
CETMAR/Vigo
O Centro Tecnolóxico do Mar - Fundación CETMAR fai 25 anos este xuño e, para celebralo, a dirección e o equipo de CETMAR quere convidarvos a participar nas actividades programadas con motivo desta efeméride, nas que amosaremos o noso traballo a prol do noso mar, dos seus recursos y das xentes que viven del. Se estás por Vigo e queres vir coñecer a nosa actividade, estaremos felices de verte e agradecerte a colaboración nestes anos.
O vindeiro venres día 12 terá lugar a LonxaLAB na explanada diante da nosa sede (en Bouzas, Vigo), unha feira que achegará a ciencia mariña a través de diferentes obradoiros, xogos e actividades para todos os públicos e relacionadas coa contaminación mariña, a pesca sostible, a captura accidental de especies, ou a observación e o ruido mariño, entre outros. As carpas estarán abertas de 10:30 a 20:00 horas, e durante o percorrido, os visitantes poderán desfrutar dos elementos expostos para a ocasión, como unha maqueta de batea, un faro, unha gamela ou a cabina do Caneliña.
Tamén dentro do 25 aniversario, CETMAR colabora este ano na VII edición da Regata Solar, que terá lugar o sábado 13 de xuño, de 11:30 a 14h na praia de Bouzas. Organizada pola asociación A Industriosa co apoio da empresa Marine Instruments, os que vos animedes a acercarvos ao paseo martímo de Bouzas poderedes desfrutar da competición a partir das 11:30h, aínda que desde as 9 da mañá a rapazada terá expostos os seus barcos para amosalos ante o xurado e realizará probas libres. Estudantes de Bacharelato que deseñaron e construíron as embarcacións impulsadas por enerxía solar competirán polo premio final en diversas regatas, co apoio dos seus profesores.

Ningún comentario:
Publicar un comentario