FÚTBOL
O TOMIÑO FC ABRE AS PREINSCRICIÓNS PARA A NOVA TEMPORADA
• Contará con equipos masculinos, femininos e mixtos, desde biberóns ata xuvenís
Redacción Deportes/Tomiño
O Tomiño FC vén de anunciar a apertura do prazo de preinscripción para a temporada 2026/2027 en todas as categorías de fútbol base. Tralo acordo de unificación nun só club de Tomiño FC e Tomiño FC feminino aprobado polos socios, o club tomiñés aspira a crear equipos masculinos, femininos e/ou mixtos en categoría biberón, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil.
O club, que tamén prepara súa Academia de Verán con comezo o 29 de xuño, presentou fai uns días ao seu novo director de canteira, o exfutbolista Nacho Franco. Con esta incorporación, din desde o club, buscan dar “un paso máis” na aposta da entidade deportiva por facer crecer o seu fútbol base “para que os nenos e nenas de Tomiño poidan practicar o seu deporte favorito nun entorno san no que divertirse, aprender e competir”.
Con 92 anos de historia, o Tomiño FC recuperou fai dúas temporadas o seu fútbol base que permanecera separado da estrutura do club durante varios anos. Tras esta decisión, o seu “Plan Canteira” como o denominan no club, non para de crecer. Pero cunha filosofía clara: “o punto fundamental non varía, o máis importante son os nenos e nenas. Teñen que poder xogar ao fútbol, aprender e desfrutar. Sen máis complicacións” afirman desde o club. Para eses nenos e nenas a preinscrición está xa aberta a través dun formulario dispoñible nas redes sociais do club.


Ningún comentario:
Publicar un comentario