Tomiño amplía a súa rede de carriños de compra para potenciar o comercio local
• O Concello renova os catro puntos ‘Merca e Devolve’, incorpora dúas novas localizacións e aumenta o número de carros dispoñibles nos núcleos urbanos de Tomiño e Goián
Foto: CT
Infogauda/Tomiño
Mercar no pequeno comercio é agora máis doado, cómodo e accesible para a veciñanza de Tomiño e Goián. O Concello vén de completar os traballos de mellora e posta a punto da súa rede de puntos ‘Merca e Devolve’, un servizo gratuíto que permite ás persoas usuarias dispoñer de carriños para realizar as súas compras nos establecementos de proximidade e nos mercados municipais sen ter que cargar co peso das bolsas.
A actuación incluíu a renovación das catro estacións xa existentes, a creación de dúas novas localizacións e a ampliación da flota de carriños, que pasa de 20 a 35 unidades, reforzando así unha iniciativa que busca facilitar o día a día da veciñanza e seguir impulsando o comercio local.
As novas estacións sitúanse xunto aos aparcamentos da rúa República Arxentina, en Tomiño, e nas inmediacións do consultorio médico de Goián. Estes puntos súmanse aos xa existentes na rúa Colón e na rúa Tui, no núcleo do Seixo, e na Avenida Ordóñez e ao carón da escola infantil A Galiña Azul, no goianés.
Como salienta a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “con estas melloras queremos que mercar nos nosos comercios sexa cada vez máis cómodo e atractivo. Esta é unha medida sinxela pero moi útil que facilita as compras cotiás e contribúe a reforzar o consumo de proximidade, algo fundamental para manter vivo o tecido comercial do noso concello”.
A rexedora subliña ademais que “apostar polo comercio local é apostar pola economía do territorio, polo emprego e por unha forma de consumo máis sostible. Por iso seguimos impulsando iniciativas que beneficien tanto aos establecementos como á veciñanza”.
Pola súa banda, a concelleira de Comercio, Cristina Martínez, salienta que “o servizo está tendo unha boa acollida e con esta ampliación damos resposta á demanda existente, achegando os carriños a máis zonas comerciais. É unha ferramenta práctica que axuda especialmente ás persoas que realizan compras de certo volume ou que se desprazan a pé. Pequenos xestos como este poden marcar a diferenza á hora de escoller mercar no comercio de proximidade”.
O funcionamento do servizo é moi sinxelo e similar ao dos carriños dos supermercados. As persoas usuarias poden recoller un carriño en calquera dos puntos habilitados, empregalo durante as súas compras e devolvelo posteriormente en calquera das estacións da rede. Os carriños estarán dispoñibles todos os días en horario de 09.00 a 21.00 horas.
Con esta actuación, o Concello continúa desenvolvendo medidas de apoio ao comercio local que buscan fomentar hábitos de consumo de proximidade, dinamizar os núcleos urbanos e contribuír a construír un municipio máis cómodo, sostible e pensado para as persoas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario