O CONCELLO DA GUARDA ORGANIZA UN ROTEIRO PARA IDENTIFICAR AS HERBAS DE SAN XOÁN
• A actividade -que desenvolverase en colaboración con Biophilia Axencia Ambiental-, terá lugar o vindeiro 23 de xuño
Infogauda/A Guarda
O Concello da Guarda, a través do departamento de Medio Ambiente, organiza en colaboración con Biophilia Axencia Ambiental o “Roteiro das Herbas de San Xoán”, unha actividade gratuíta destinada a dar a coñecer as especies vexetais tradicionalmente vinculadas á celebración da noite de San Xoán.
A iniciativa celebrarase o martes 23 de xuño, de 17:00 a 19:00 horas, e consistirá nun percorrido guiado no que as persoas participantes aprenderán a identificar diferentes herbas empregadas historicamente nesta festividade, coñecendo as súas características, usos tradicionais e valor ecolóxico. Como parte da actividade, tamén se realizará a elaboración de pequenos ramiños coas especies recollidas de forma responsable.
As persoas interesadas en participar deberán realizar inscrición previa a través do teléfono 986 610 000 ou do correo electrónico medioambiente@aguarda.es. O punto de encontro comunicarase unha vez formalizada a inscrición.
Desde a organización recoméndase acudir con roupa cómoda, gorra e avituallamento axeitado para a realización do percorrido.
O Concello da Guarda anima á veciñanza a sumarse a esta actividade, que ofrece unha oportunidade para coñecer mellor a riqueza botánica da contorna, compartir experiencias arredor das tradicións de San Xoán e gozar dunha xornada en contacto coa natureza
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario