BALONMÁN FEMININO
Ariana Portillo é a cuarta baixa confirmada polo Guardés para a vindeira tempada
• A estremo paraguaia deixa o equipo baixomiñoto despois dunha única tempada
• Portillo chegou o verán pasado procedente do Granollers e asinou unha grande campaña dende o estremo esquerdo
• A internacional é a cuarta baixa confirmada polo Guardés para o vindeiro curso, xunto con Jazmín Mendoza, Amandine Balzinc e María Sancha
O Atlético Guardés anuncia a cuarta xogadora que non continuará no seu cadro de persoal a vindeira tempada: a internacional paraguaia Ariana Portillo abandona o Club despois dunha única campaña vestindo as súas cores.
A estremo chegou ao equipo baixomiñoto o pasado verán, procedente do KH-7 BM Granollers e buscando facerse notar de novo en terras galegas despois dunha etapa previa no Balonmán Porriño. Na campaña actual, malia unha lesión no xeonllo esquerdo que a afastou de varios partidos, deixou actuacións destacables dende o seu estremo esquerdo, aportando tanto como goleadora en momentos chave coma dende o xogo defensivo. Tras unha única tempada na Guarda, a paraguaia diríxese agora a unha nova etapa na súa carreira deportiva, pero que afrontará co orgullo do título europeo conquistado da man do Guardés.
Sobre este ano tan extraordinario, Portillo declara que “só teño palabras de agradecemento”, dirixidas tanto á afección “por estar sempre aí e por facer que cada partido na Sangriña fora especial”, coma á vila da Guarda “polo agarimo co que me recibiu dende o primeiro día”, dúas grandes lembranzas que leva da súa estancia co equipo. A xogadora quixo agradecer tamén por esta campaña ás “miñas compañeiras, porque foi un orgullo compartir este camiño con vós” e ao corpo técnico e ao Club “pola confianza, o apoio e por facerme sentir parte desta familia dende o inicio”. Ariana conclúe que marcha “leda, orgullosa e moi agradecida” de poder “formar parte desta historia e erguer unha EHF European Cup con estas cores”, algo que “sempre vou levar comigo” nun “lugar moi especial no meu corazón”.
O Club Balonmán Atlético Guardés agradece a Ariana Portillo polo seu traballo e a calidade humana que demostrou nestes meses da súa man, ocupando un lugar especial no cadro de persoal e sendo parte fundamental do éxito europeo. Coma ela mesma indica, ter contribuído a este logro convértea en parte imborrable da historia desta entidade, algo que sempre as manterá unidas. Ata sempre, Ari!
Ariana Portillo é a cuarta baixa confirmada no plantel para a próxima tempada 2026/2027, uníndose a Jazmín Mendoza, Amandine Balzinc e María Sancha. Polo de agora, transcenderon tamén a saída de Ana Seabra á fronte do corpo técnico e a continuidade de Cristina Cifuentes, Cecilia Cacheda, María Palomo e Ania Ramos. Nos próximos días iranse concretando os demais detalles sobre o proxecto para o curso vindeiro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario