22 de abr. de 2026

TOMIÑO

A voz de Xosé Luís Franco Grande regresa a casa 

 O Concello celebra o Día do Libro cunha homenaxe a este fillo predilecto de Tomiño   

  Será coa presentación este venres 24 ás 20 h no Espazo Isaura Gómez de ‘Un intre no tempo’, unha viaxe polos poemarios deste ilustre galeguista 

 

Momento no que en 2012, Xosé Luís Franco Grande asinaba no libro de ouro do Concello de Tomiño, en presenza da alcaldesa Sandra González, e do escritor, poeta e xornalista, Xosé Luis Méndez Ferrín, e de Ramón Villares, historiador e - naquela altura - presidente do Consello da Cultura Galega (CCG)
Foto: C.T. (Arquivo)

Infogauda / Tomiño

 A voz de Xosé Luís Franco Grande regresa a casa. O Concello renderá homenaxe a un dos seus fillos máis ilustres no Día do Libro cun acto cargado de emoción e memoria no que se presentará Un intre no tempo, unha viaxe polos catro poemarios deste intelectual galeguista nado en Tebra e declarado fillo predilecto da súa terra en 2012.

 A cita será este venres 24 de abril ás 20.00 horas no Espazo Isaura Gómez, con entrada de balde, nun encontro que busca non só lembrar a figura do autor, senón tamén sentir e reivindicar o legado dun home esencial na historia cultural e lingüística de Galicia. Porque Franco Grande foi moito máis que un escritor, foi poeta, avogado, membro de número da Real Academia Galega e autor do primeiro dicionario galego-castelán, unha obra fundamental que abriu camiño para que xeracións enteiras puidesen aprender e vivir en lingua galega.

 A súa traxectoria sitúao como unha figura ponte entre a Xeración Nós e o movemento galeguista da posguerra, sendo parte activa da chamada Xeración Galaxia, clave na recuperación cultural nun contexto de represión e silencio. A súa obra literaria, que abrangue poesía, teatro, ensaio e articulismo, deixa unha pegada fonda tanto na creación como na defensa da identidade galega.

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quixo destacar a importancia de facer esta homenaxe a Franco Grande, que “escribiu moito máis que libros, debuxou camiños para todo un pobo e axudounos a entender quen somos e de onde vimos”. A rexedora convidou a toda a veciñanza a participar neste emotivo acto, “un encontro para sentir, para deixar que as súas palabras nos atravesen e nos acompañen. Porque cando celebramos a figuras como Franco Grande, non só honramos a súa memoria, senón que mantemos viva a súa voz no presente”.

 A presentación de “Un intre no tempo” será, así, unha oportunidade para achegarse á súa obra desde unha mirada actual, redescubrindo a forza da súa poesía e o valor do seu compromiso coa lingua e coa cultura galega. Unha cita para lembrar que hai palabras que non esvaecen co tempo, que seguen construíndo identidade e que, como o propio Franco Grande, sempre atopan o camiño de volta á casa. 

Xosé Luis Franco Grande volve a casa!

 No Día do Libro 2026, rendemos homenaxe a un dos nosos nomes máis ilustres coa presentación de “Un intre no tempo”, unha viaxe polos seus catro poemarios.

Venres, 24 de abril

Ás 20.00 h 

No Espazo Isaura Gómez

Entrada de balde 

 Nomeado en 2012 fillo predilecto de Tomiño, Grande foi intelectual galeguista, escritor, avogado, poeta e membro de número da Real Academia Galega, e autor do primeiro dicionario galego castelán.

 Unha cita para sentir, lembrar… e deixarse levar polas palabras.

 Para entender o papel de Franco Grande nas letras galegas é imprescindible saber que el e a súa xeración son a ponte entre a Xeración Nós, moitos deles mortos, e outros, os sobreviventes sometidos á crueldade da represión franquista. A Xeración Galaxia, como se deu en chamar a estes sobreviventes do galeguismo da posguerra, conforma unha nova xeración de mozos forxados na Universidade compostelá na continuación do labor regaleguizador iniciado no primeiro terzo do século XX.[6] Franco Grande tivo unha participación decisiva no traballo que desenvolveu a Editorial Galaxia. O seu libro Os anos escuros relata con migalleira análise ese proceso no que van xurdindo novos valores, tanto no ámbito literario como na dinamización cultural e política.

Creador literario

 A obra literaria de Franco Grande abrangue tódolos campos, iniciándose durante a súa etapa de estudante en Compostela, onde obtén en cinco ocasións o primeiro premio e a flor natural nas Festas Minervais. Con 19 anos de idade, o Centro Gallego de Buenos Aires outorgoulle o Premio Eduardo Pondal polo seu libro de poemas Brétemas do vieiro (inédito);[10] en 1957 publicou a peza teatral Vieiro choído.[9] O seu libro de poemas Entre o si e o non (1967) foi galardoado co Premio Nacional de Literatura "Rosalía de Castro".[11] No 1968 publicou a súa obra de vital importancia para a lingua galega, o Diccionario Galego-Castelán publicado pola Editorial Galaxia o 25 de outubro de 1968. Unha obra que había ser necesaria, imprescindible, un par de anos máis tarde cando se incorpora o estudo da lingua galega no sistema educativo. Ese dicionario foi un instrumento de vital importancia para que varias xeracións de galegos e galegas tivesen a oportunidade de coñecer a lingua galega.[12] Esta obra foi reeditada moitas veces ata completar un total aproximado de medio millón de exemplares vendidos. Os dicionaristas adoitan falar do "Franco Grande" como unha denominación que marcou unha época. Pertence a Xeración das Festas Minervais e ó movemento literario Escola da Tebra.[10]

 Son salientables os milleiros de colaboracións como articulista nos medios de comunicación, sempre defendendo a identidade galega e as súas manifestacións culturais (La Noche, Ínsula, Aturuxo, Vida Gallega, Grial, La Voz de Galicia, Boletín da Real Academia Galega etc.).

 Escribiu artigos en revistas especializadas sobre Sebastián Martínez-Risco, Ramón Otero Pedrayo, Eduardo Pondal, Xaime Isla Couto, Camilo Gonsar, Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé Landeira Yrago[13]

 Entre o si e o non incluíuse na Biblioteca Galega 120.

 Foi autor de varias pezas teatrais, e cultiva tamén o ensaio e a crítica literaria. A proposta de Ramón Piñeiro, Marino Dónega e Domingo García-Sabell, ingresou na Real Academia Galega en 1978, pronunciando o 3 de xullo de 1998 o discurso de ingreso O antigo réxime nunha familia do Baixo Miño,[14][15] que foi respondido por Luz Pozo Garza.[16] No ano 2021, a Real Academia Galega conmemorou o Día da Poesía coa súa obra.[17]

Lexicógrafo

 No 1968 publicou a súa obra de vital importancia para a lingua galega, o Diccionario Galego-Castelán publicado pola Editorial Galaxia o 25 de outubro de 1968. Unha obra que había ser necesaria, imprescindible, un par de anos máis tarde cando se incorpora o estudo da lingua galega no sistema educativo. Ese dicionario foi un instrumento de vital importancia para que varias xeracións de galegos e galegas tivesen a oportunidade de coñecer a lingua galega.[12] Esta obra foi reeditada moitas veces ata completar un total aproximado de medio millón de exemplares vendidos. Os dicionaristas adoitan falar do "Franco Grande" como unha denominación que marcou unha época.

Dinamizador cultural

 O labor do tomiñés non só se limitou a traballar no campo da literatura. Dirixiu un espazo radiofónico -Raíz e Tempo-[18] que emitía semanalmente na emisora "La Voz de Vigo" nunha franxa horaria de moita audiencia; participou como fundador da Asociación Cultural de Vigo, a única asociación de marcado carácter galeguista creada na década dos anos sesenta; neste período Cintia, unha cantautora catalá, gravou na discografía Digsa, o poema "Venceremos Nós" (Joan Baez, Xosé Luís Franco Grande, Xosé Manuel Beiras). Anos despois converteuse no himno das mobilizacións estudantís que se produciron en Santiago de Compostela no 1968 contra o franquismo. Foi conferenciante e participou na creación do Partido Socialista Galego na clandestinidade.[6] Formou parte do consello reitor do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional.[19]  

Ningún comentario:

Publicar un comentario