24 de abr. de 2026

PONTEVEDRA

O BNG afea ao PSOE a “contradición” de defender o ‘Non á guerra’ mentres aumenta o gasto militar e asume en Vigo o desfile do Día das Forzas Armadas para exaltar o militarismo  

 O grupo provincial nacionalista defende o uso dos cartos de Defensa para os servizos públicos e sinala que “a paz non se defende con bombas” 


A deputada do BNG, Manuela Rodríguez, nun momento da súa intervención no Pleno da Deputación celebrado na mañá de hoxe
Foto: BNG

Infogauda / Pontevedra

 O BNG afeou hoxe ao PSOE na Deputación a súa “grave contradición” por querer defender o ‘Non á guerra’ mentres o Goberno do Estado protagoniza o maior aumento do gasto militar na historia e o Concello de Vigo acolle a celebración do Día das Forzas Armadas para exaltar o militarismo. A deputada Manuela Rodríguez subliñou que o BNG aposta por destinar os cartos do gasto militar aos servizos públicos e insistiu en que os eventos previstos na cidade olívica teñen marcado carácter propagandístico para lexitimar socialmente as forzas armadas españolas cando “a paz non se defende con bombas”. 

 A deputada do Bloque asegurou que resulta inexplicable e inasumible a celebración en Vigo dos actos das Forzas Armadas Españolas, rexeitando a postura do PSOE provincial, que defendeu que os eventos que haberá entre o 26 e o 31 de maio non son militaristas, senón un “orgullo, unha honra” e unha “magnífica proxección” para a cidade.  

 Rodríguez descartou que o obxectivo das celebracións sexa “turístico” ou para dar maior gañanza ao Concello de Vigo como pretendía argumentar o PSOE, e lembrou que haberá un amplo despregue militar terrestre, naval e aéreo, así como múltiples actividades de carácter propagandístico “que supoñen un gasto desorbitado e que constitúen unha operación de exaltación do militarismo que dende o BNG consideramos que debemos contestar tanto dende o ámbito social e o institucional, tamén aquí na Deputación”. “Criticamos a celebración do Día das Forzas Armadas no concello máis grande da provincia. Nós cremos que non se debería celebrar”, abondou a nacionalista.  

 No relativo ao rexeitamento do militarismo, a voceira do BNG fixo fincapé en que resulta especialmente grave a contradición do PSOE que, mentres mantén un discurso formal de ‘Non á guerra’, protagoniza o maior aumento do gasto militar da historia recente, xa que no ano 2025 superou o 2% do PIB destinado a Defensa, acadando preto de 34.000 millóns de euros, cun incremento do 45% respecto a 2024. “Ningunha outra partida, nin sanidade, nin educación, por poñer só dous exemplos, experimentou unha suba semellante”, afirmou Rodríguez. 

 A nacionalista insistiu en que a deriva militarista tradúcese nunha desviación masiva de recursos públicos cara ao complexo militar-industrial en detrimento das políticas sociais, agravando os problemas estruturais existentes. No concreto, puxo como exemplos que un só avión de combate Eurofighter equivale ao custo de construción de 750 vivendas públicas, dous submarinos S-80 equivalen a case a totalidade do custe do rescate da AP-9, e un helicóptero NH-90 custa o mesmo que catro institutos públicos de educación secundaria. “E desde o BNG dicimos que NON ao gasto militar, os cartos para servizos públicos”, sentenzou. 

 Fronte a esa realidade, subliñou Rodríguez, o BNG reafirma o seu compromiso histórico cunha posición antiimperialista, pacifista e de defensa da soberanía dos pobos, formulando un conxunto de propostas orientadas a combater a militarización e a defender a paz, a soberanía e os dereitos do conxunto dos pobos, a comezar polo propio, o pobo galego: neutralidade do Estado, saída da OTAN, oposición ao gasto militar, rexeitamento do servizo militar, solicitude de devolución de instalacións e espazos militares para uso civil, así como unha aposta por unha política exterior de defensa da paz e baseada no diálogo e a cooperación entre pobos. 

 Amais, o BNG criticou a postura do PP, que subliñou que “España non se defende con paus e candís”, insistiu na pertenza á OTAN e avalou as Forzas Armadas por ser unhas “forzas democráticas que defenden a Constitución Española”.  

 O debate na Deputación debeuse á presentación do BNG dunha moción contra o militarismo e a celebración en Vigo das Forzas Armadas que acabou sendo rexeitada tanto por PSOE como por PP. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario