O Rosal abre unha xanela ao dano cerebral adquirido cunha nova cita da Escola da Saúde
• O Centro Social Polivalente acollerá o martes 12 de maio unha charla sobre causas, secuelas e recursos de atención organizada en colaboración con Dano Cerebral Galicia. Necesaria inscrición previa
Infogauda / O Rosal
Comprender o que acontece no cerebro pode marcar a diferenza entre a incerteza e a capacidade de actuar. O Concello do Rosal continúa reforzando o seu compromiso coa educación sanitaria cunha nova sesión da Escola da Saúde que nesta ocasión estará centrada no dano cerebral adquirido.
A actividade, organizada en colaboración con Dano Cerebral Galicia e a Escola Galega da Saúde para Cidadáns do Sergas, celebrarase o vindeiro martes 12 de maio de 17.00 a 18.30 horas no Centro Social Polivalente. Durante a charla abordaranse cuestións clave como as principais causas do dano cerebral adquirido, como o ictus ou os traumatismos cranioencefálicos; as posibles secuelas e os recursos dispoñibles para a atención e recuperación das persoas afectadas.
Como explica a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “achegar información rigorosa e accesible á veciñanza é fundamental para avanzar en prevención, detección e acompañamento ante situacións de saúde complexas como o dano cerebral adquirido”. A rexedora subliña ademais que “a Escola da Saúde é un espazo de aprendizaxe colectiva que contribúe a construír unha comunidade máis informada, preparada e solidaria”.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, pon en valor o carácter práctico destas sesións “coas que ofrecemos ferramentas útiles para que as persoas coñezan mellor estas realidades, saiban como actuar e onde acudir, tanto para elas mesmas como para acompañar a familiares ou persoas próximas”. A edil anima á participación, lembrando que “informarse tamén é unha forma de coidarse e de coidar”.
As persoas interesadas deberán realizar inscrición previa chamando aos teléfonos 652 770 653 ou 881 943 148, ou a través da páxina web habilitada.
Unha nova oportunidade para achegarse ao coñecemento, resolver dúbidas e seguir facendo da saúde un compromiso compartido.

Ningún comentario:
Publicar un comentario