17 de abr. de 2026

OIA

Concerto-presentación de Brais González á fronte da Banda de Mougás   

   Este sábado, 18 de abril, ás 19:30 horas, no Centro Cultural de Mougás


Brais González Durán, novo director da Banda Unión Musical de Mougás
Foto: Cedida

Infogauda / Oia

 O novo director da Banda Unión Musical de Mougás, Brais González, dará o seu primeiro concerto oficial á fronte da agrupación este sábado 18 de abril. O recital de presentación do novo director será de libre acceso e terá lugar ás 19:30h no Centro Cultural de Mougás, brindando unha oportunidade inmellorable para descubrir a nova etapa que a formación musical encara, chea de talento e ilusión.  

 O relevo na dirección da Banda prodúcese despois da retirada de Gabriel Rodríguez tras 35 anos de dedicación. O pasado mes de decembro, durante o tradicional Concerto de Nadal e coincidindo ca festividade de Santa Uxía, Mougás acollía un acto de homenaxe a Gabriel que reunía a persoas veciñas, familias, amizades e representantes institucionais nunha xornada presidida pola música e a emoción.  

 Á fronte da nova etapa da formación musical atópase Brais González Durán, quen achega ilusión, talento e unha sólida formación no eido da música. Natural de Mougás, aos 8 anos iniciou a súa formación e aos 11 entrou a formar parte da Banda Unión Musical de Mougás, baixo a dirección do antigo director Gabriel Rodríguez. Desde entón, a música e a Banda forman parte inseparable da súa vida. Brais pertence a unha familia estreitamente vinculada á historia da Banda e actualmente compaxina a súa actividade artística coa docencia en linguaxe musical e vento metal, impartindo clases tanto en Galicia como en Asturias.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario