30 de xan. de 2026

PONTEVEDRA

O BNG propón que os GES pasen a formar parte do consorcio provincial de Bombeiros como primeiro paso cara a depender da Xunta e profesionalizarse  

A deputada Manuela Rodríguez anunciou unha iniciativa do Bloque no Parlamento galego para que o GES de Sanxenxo volva estar operativo 24 horas


A deputada Manuela Rodríguez, destacou que a Xunta de Galicia debe asumir as súas competencias en materia de emerxencias e seguridade

Foto: Cedida


Infogauda / Pontevedra

 O BNG provincial de Pontevedra solicitou hoxe na Deputación á Xunta de Galicia as accións necesarias para mellorar as condicións laborais e profesionais do servizo de atención ás emerxencias de Sanxenxo e que con carácter inmediato revogue a decisión de reducir o horario de atención do GES para que volva prestarse as 24 horas.  

 A deputada Manuela Rodríguez, destacou que a Xunta de Galicia debe asumir as súas competencias en materia de emerxencias e seguridade, e sinalou que namentres a administración galega non se fai cargo dos GES na provincia, a Deputación debería cubrir aos concellos que non poden facer fronte aos gastos actuais e financiar os GES con fondos provinciais. Puxo sobre a mesa a posibilidade de que os GES pasen a formar parte do consorcio de Bombeiros como un primeiro paso camiño á profesionalización deses grupos, “porque seguramente terían mellor dotación e mellores condicións laborais e con maior forza laboral sindical para defender os seus intereses”.  

 Rodríguez subliñou tamén que o BNG ten presentado en Santiago unha iniciativa parlamentar para esixir ao goberno galego o que hoxe reclamou na Deputación. Destacou que os problemas denunciados en Sanxenxo non son exclusivos dese parque, senón que a situación se repite en todos os GES da provincia de Pontevedra, con situacións laborais complicadas, medios e efectivos insuficientes para atender poboacións que medran no verán, ademais de instalacións en total estado de abandono e “non dignas” para o servizo.  

 A deputada denunciou que sempre que hai sobrecustes para manter o servizo son os concellos os que teñen que incrementar as súas achegas mentres a Xunta e a Deputación manteñen as súas partidas intactas. “Os custes sempre van aos concellos a pesares de ser unha competencia non municipal”, advertiu, sinalando que o modelo do GES posto en marcha polo goberno autonómico con convenios coas deputacións e os concellos no seu momento “é ineficiente e precariza un servizo esencial”. Destacou que o servizo debe depender dunha soa administración cun corpo de emerxencias único.  

Pesca 

 Por outra banda, o BNG defendeu hoxe tamén no Pleno da Deputación que debe ser a Xunta de Galicia, como administración con competencia exclusiva en materia das súas augas interiores, a que desenvolva e faga cumprir normas propias de control da pesca adaptadas á realidade da frota artesanal galega.  

 O grupo nacionalista fixo esta proposta por considerar que a frota do país queda desprotexida a co Regulamento Europeo de Control da Pesca, no que non se teñen en conta as súas singularidades. O Bloque subliñou, de feito, que o pacto proposto o pasado 19 de xaneiro polo Ministerio cuns pequenos axustes á proposta inicial é “totalmente insuficiente” porque non exclúe á frota artesanal do cumprimento desa normativa.  

 O BNG defendeu que a Xunta debe exercer as súas competencias exclusivas en materia de augas interiores, desenvolvendo normas propias de control adaptadas á realidade e singularidade da frota artesanal galega. A máis, o BNG solicitou ao Goberno do Estado a eliminación da retroactividade nas sancións asociadas ao Regulamento europeo, evitando que estas impidan o acceso ás axudas do FEMPA. 

 Por último, o grupo do Bloque propuxo incluír na vindeira revisión da Política Pesqueira Común da Unión Europea unha diferenciación clara entre pesca artesanal e pesca industrial, atendendo non só á eslora dos buques, senón tamén a criterios como a distancia aos caladoiros, a duración das mareas, o uso de artes sostíbeis ou o número máximo de tripulantes. 

 O ‘rodete’ do PP na Corporación provincial desoíu estas peticións, o que levou á deputada Beatriz Lomba a afear aos populares a súa falta de apoio ao sector e as súas singularidades. “Non entenden vostedes as características da pesca artesanal galega”, acusou, lembrando que o grupo popular votou a favor no Parlamento Europeo de medidas “inasumibles” para as e os mariñeiros galegos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario