17 de xan. de 2026

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A VECIÑANZA DE CAMPOSANCOS FESTEXOU POR TODO O ALTO SÚA XXVII PALETADA LACONADA 

 Cunha participación de 298 comensais da contorna


Grupos de persoas de Camposancos e amizades, participando na XXVII Paletada Laconada

Vista do baile celebrado despois da sobremesa
Reportaxe fotográfica: José Fernando Martínez


Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos

 Nunha xornada climatolóxicamente fría, como corresponde nestas datas de inverno, unha ampla representación da veciñanza de Camposancos dispúxose co mellor ánimo, a celebrar unha tradición que conxuga de xeito harmonioso os praceres lúdicos e os gustativos. Tradición que provén da celebración da festividade de san Amaro, ainda que ben puidera ser incluso moitísimo anterior. Dese xeito, a veciñanza da parroquia de Camposancos vén conmemorando ese día grande, primeiro nos fogares, probablemente no domingo máis preto do 15 de xaneiro, que é cando se conmemora o falecemento de san Amaro, e logo, secundando á convocatoria do xantar popular, en boa hora promovido pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos.

  O día da festividade de san Amaro foi o pasado xoves, 15 de xaneiro, data na que - ainda sendo día laborable - moitas familias xuntáronse arredor dun cocido no que a paleta e o lacón adoitan ser os protagonistas do xantar. 

 En tempos antigos - e mesmo no século XX - había - e ainda persiste - en Camposancos, un dito popular que refería á tradición de "poñer á paleta do porco a desalar na pía da fonte da Poza". Tradición que incluía o costume de "arrincar á cañota" - da canaveira (Arundo donax), para enfiar as rosquillas e ofrecer como galano ás mozas. Son fermosas costumes que forman parte do patrimonio inmaterial popular das xentes de Camposancos, moitas das cales, ainda hoxe poden acreditar tamén á tradición de cantarlle ao santo abade a seguinte copla:

    Sanamaro, maro, 

 ten un asubío

 pra asubiarlle 

ás mozas do río.

 Todo iso, afortunadamente, continúa vivo nestas alturas do terceiro milenio, ainda que por moitas razóns, xa non se poña a desalar á paleta do porco na pía da fonte da Poza. Entre outros motivos, porque - ainda que chegou serodiamente - desde fai uns anos, hai auga da traída nas vivendas camposinas.

 De manter á tradición - ademais de facelo no seo das familias, por iniciativa de cada unha delas -, ocúpase, con moito acerto, a xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos. E faino, organizando - mediante a Asociación Rego de Bicosán -, co patrocinio da Deputación de Pontevedra e a colaboración da Comunidade de Montes de Camposancos -, a Paletada Laconada. Evento no que participan os comuneiros e súas respectivas familias, así como tamén todas aquelas persoas que así o desexaron, ata acadar nesta edición, un total de 298 persoas. Unha cifra moi importante, máxime tendo en conta que este ano a Paletada Laconada acadou súa XXVII edición. 

 Con todo, o máis importante, non é tanto o número de persoas que se xuntaron para celebrar ese encontro anual, senón o que conleva de valor humano, de amizade e de boa veciñanza, especialmente nestes tempos de incerteza. E o positivo do evento, foi, un ano máis, unha grata realidade en Camposancos. Un lugar bendito pola natureza, situado ao abeiro do monte Santa Trega, tendo ao seu carón o río Miño e ao poñente o oceáno Atlántico. "A Porta do Mar", como refiren moitas persoas de Camposancos que temos en estima.

 A XXVII Paletada Laconada tivo lugar no luminoso salón comedor do restaurante do Hotel El Molino, situado a carón da fermosa praia do Forte. "Cecais foi á mellor Paletada en asistencia, calidade de comida e de animado baile", dixo a este cronista, José Fernando Martínez Martínez, presidente da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos.

 O xantar contou con saborosos productos  - paleta, lacón, chourizos, verdura, patacas, garavanzos,..., viño mencía, refrescos, sobremesas, cafés,..., -, perfectamente servidos polo persoal do devandito restaurante, que dito sexa de paso, deixaron patente seu xesto de sentida lembranza polo compañeiro Juan Andrés Conde Ferreira, traballador no establecemento desde facía moitos anos, falecido - de xeito totalmente inesperado -, o día 11 deste mes.

 A xornada contou tamén coa actuación do Trío Armonía, que logo da sobremesa motivou a danzar a persoas de todas as idades ata despois do noitiña. 

 Previamente, arredor das 19:00 horas, foi servido un caldo e rosquillas a todas as persoas asistentes.

 Foi así, como un ano máis, a Laconada Paletada rexistrou todo un éxito, motivo polo cal, as persoas participantes expresaron seus parabens aos organizadores. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario