17 de xan. de 2026

TOMIÑO

Catro conferencias para entender e acompañar ás novas xeracións na XI Semana da Educación de Tomiño  

 Do 9 ao 12 de febreiro o auditorio de Goián acollerá as charlas de expertas e expertos que abordarán o benestar social e a saúde mental en infancia e mocidade  

 Aberto o prazo de inscrición na web municipal   




Infogauda / Tomiño

 Hai preguntas que urxen respostas tanto nas aulas como nas casas. Como afecta a tecnoloxía á infancia? Como detectar e previr o sufrimento emocional? Como comunicarnos mellor coas novas xeracións? Tomiño ponas no centro do debate coa XI Semana da Educación, unha cita xa consolidada que converterá de novo ao municipio nun referente educativo do 9 ao 12 de febreiro con catro conferencias de recoñecidos expertos e expertas cun mesmo eixo común: o benestar emocional e a saúde mental na infancia e na adolescencia. 

 Durante catro tardes consecutivas, ás 19.00 horas no Auditorio de Goián, o Concello de Tomiño ofrecerá catro charlas gratuítas abertas a docentes, profesionais da educación, familias e persoas interesadas para falar de temas de máxima actualidade, como as novas tecnoloxías, as condutas autolesivas, a comunicación efectiva ou a educación sexual. 

 A programación comezará o luns 9 de febreiro con María Couso, pedagoga e divulgadora, que analizará o Impacto da tecnoloxía no desenvolvemento cognitivo da infancia e da adolescencia achegando datos científicos e unha visión crítica e reflexiva sobre o uso das pantallas sen caer en discursos alarmistas.  

 O martes 10 será a quenda de Enric Armengou, psiquiatra especializado en condutas autolesivas e asesor do Ministerio de Sanidade no Plan Nacional de Prevención do Suicidio, que abordará a prevención destas condutas baixo o título Romper o silencio, claves para a prevención das condutas autolesivas na infancia e mocidade

 O mércores 11 de febreiro, David Pastor centrará a súa intervención na Comunicación efectiva coas novas xeracións, proporcionando ferramentas para mellorar o diálogo interxeracional. Pechará o ciclo o xoves 12 Miriam Al Abid, médica e divulgadora, cunha charla sobre A educación sexual e a súa relación coa saúde mental, desde unha perspectiva integral que inclúe o emocional, o relacional e o social. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “levamos máis dunha década apostando pola educación porque sabemos que é a base para construír unha sociedade máis xusta, máis consciente e máis saudable. Nesta edición poñemos o foco no benestar emocional porque é unha preocupación real nas familias e nos centros educativos e queremos ofrecer espazos de reflexión e ferramentas útiles da man de profesionais de primeiro nivel”. 

 Como cada ano, a Semana da Educación contará cun servizo de canguraxe gratuíto para facilitar a asistencia das familias, reforzando así o compromiso do Concello coa conciliación. As persoas interesadas poden inscribirse xa a través da web municipal, tanto no ciclo completo como en conferencias individuais. 

 Con esta XI edición, Tomiño reafirma a súa aposta por unha educación que vai máis alá dos contidos académicos e pon no centro ás persoas, as emocións e a saúde mental como piares fundamentais do futuro colectivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario