18 de dec. de 2025

TUI

Tui agarda dúas mil persoas na IV San Silvestre 

 Celebrarase o mércores, 31 de decembro ás 10.30 horas, cun percorrido urbano de 4 quilómetros 


Participantes no acto de presentación da IV San Silvestre Tudense
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 Dúas mil persoas participando na IV San Silvestre Tudense. Este é o obxectivo do Concello de Tui e o Club Atletismo Tui, organizadores do evento, para esta proba deportiva, festiva e solidaria que se vai celebrar o próximo mércores, 31 de decembro.  

 Así se deu a coñecer esta mañá na presentación do evento no Espazo Sociocultural nun acto no que participaron o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez; a presidenta e vicepresidenta do Club Atletismo  Tui, Cristina Piñeiro e Laura Solla, respectivamente; a delegada no Baixo Miño da Asociación Española Contra o Cancro, Pilar Barbosa; a responsable do departamento de sostenibilidade económica da AECC en Vigo, María Gómez; e a traballadora social do Concello de Tui, Carmen González.  

 Rafael Estévez, concelleiro de Deportes, amosou a súa satisfacción pola acollida que a San Silvestre Tudense está a ter dende a primeira edición, lembrando que xa o ano pasado acadou os 1.900 inscritos. Laura Solla, vicepresidenta do Club Atletismo Tui, foi a encargada de explicar o percorrido de 4 quilómetros pasando polo conxunto histórico e o río Miño.  

 Laura Solla animaba a inscribirse xa na páxina web do Club Atletismo Tui xa que a día de hoxe hai 1018 persoas anotadas. A inscrición está aberta ata as 22 horas do 28 de decembro ou chegar aos 2 mil participantes.  

 As persoas participantes sairán ás 10.30 h dende o Paseo da Corredoira para continuar pola Avenida da Concordia, subir polo novo tramo da rúa Ourense, O Rollo, Mondoñedo, Lugo, Camilo José Cela, e de novo a Corredoira, para proseguir polo Cantón de Diómedes, Porta da Pía, Praza de San Fernando, rúa Sanz, O Piñeiro, A Barca, a rúa Olímpicos Tudenses, o Paseo Fluvial, Baixada ao Embarcadoiro, para continuar polo Paseo Álvarez Blázquez e a Corredoira onde estará a meta.    

 Pilar Barbosa, delegada no Baixo Miño da Asociación Española Contra o Cancro, amosaba o agradecemento da asociación a todas as persoas que fan posible esta iniciativa indicando que “cada paso conta e cada inscrición suma esperanza”. O ano pasado na San Silvestre recadaron máis de 4000 mil euros que destinaron integramente á asociación para investigación e para a asistencia que realizan. Así explicou que en 2024 no Baixo Miño fixeron 1.024 intervencións, das que 454 foron en Tui.  

 A IV San Silvestre Solidaria conta coa colaboración de Protección Civil, Policía Local, a Radio Municipal de Tui e distintas casas comerciais.    

 O mércores 31 ás 12 h celebrarase unha festa pre-fin de ano tomando as uvas coas baladas do reloxo da praza da Inmaculada, e haberá tamén unha chocolatada.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario