18 de dec. de 2025

O PORRIÑO

Convocada unha xornada de folga en Amazon do Porriño para reclamar melloras laborais 

 O comité denuncia ritmos de traballo excesivos, abuso da contratación a tempo parcial e fixa descontinua e incumprimentos en materia de prevención  




Infogauda / O Porriño 

 As 95 persoas traballadoras do centro loxístico de Amazon no Porriño están chamadas a secundar unha xornada de folga este mércores 23 de decembro para reclamar melloras laborais e rexeitar a sobrecarga laboral que padecen. Dende o comité de empresa, con maioría da CIG, denuncian tamén o abuso na contratación a tempo parcial e fixa descontinua e os incumprimentos en materia de prevención de riscos. 

 Con este paro fixado para a véspera da Noiteboa -e que incluirá ademais unha concentración diante das instalacións da compañía no polígono porriñés da Granxa ás 10:00 horas- a representación sindical pretende chamar a atención a respecto das condicións nas que as persoas traballadoras teñen que desenvolver o seu labor. En concreto, os ritmos de traballo excesivos pola sobrecarga laboral existente como consecuencia da falta de persoal, o que está a provocar problemas de saúde; e os incumprimentos da empresa en materia de seguridade e saúde laboral. 

 O comité de empresa (con 4 de 5 representantes da CIG) denuncia tamén que a maioría dos contratos son a tempo parcial e fixos descontinuos, polo que se reclama a súa transformación a tempo completo; así como tamén o abuso de contratación a través de ETT; e o traballo en domingos sen remuneración. 

 Estas cuestións xa foron postas en coñecemento da dirección, “que leva meses sen atender as nosas demandas e sen achegar solucións”, tal e como censuran dende a representación sindical. Polo que emprazan a Amazon a atender as “xustas reivindicacións” do cadro de persoal e adiantan a súa disposición a loitar “até acadar cada unha delas”.  

 Para rematar, lamentan que a compañía, que obtén ano tras ano beneficios millonarios, sexa un claro exemplo de precarización e de explotación laboral. “O seu modelo de negocio vai ligado precisamente a unhas condicións de traballo indignas, na perversa lóxica de canto máis roubo, máis gaño”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario