14 de dec. de 2025

A GUARDA / TUI

MOBILIZACIÓNS POR PALESTINA NA GUARDA E TUI 

 Este luns, 15 de decembro ás 20:00 horas, vémonos na Guarda, na praza Avelino Vicente e, en Tui, na praza da Inmaculada




Baixo Miño con Palestina 

 Cando veñen de se cumprir 2 meses do chamado plano de paz, a única consecuencia que verificamos do mesmo son os reiterados intentos dos países occidentais de renormalizar o estado xenocida de Israel. Lonxe de chegar a paz, os ataques e bombardeos sionistas non cesaron. 

 Desde o 10 de Outubro, en que se asina o famoso plano de paz, Israel asasinou xa máis de 350 palestinianas, incluíndo moitas nenas e nenos. Continúan a pór impedimentos á entrada de alimentos, medicinas e bens esenciais. De tal xeito, 320.000 crianzas gazatís menores de cinco anos permanecen en risco de desnutrición severa. Cada vez hai máis indicios da intención da entidade sionista de impulsar a colonización de Gaza do mesmo xeito que o fixo nas demáis terras palestinas, mediante o roubo das mesmas e a expulsión dos seus habitantes. Así, establecen na liña amarela unha nova fronteira ríxida que reduce máis, se cabe, as dimensións deste campo de concentración a ceo aberto. Atravesar esta liña é sinónimo de morte por disparos de Israel. 

 Por iso non podemos deixar de falar da Palestina. Non podemos deixar de mobilizarnos contra este interminábel xenocidio. De Baixo Miño con Palestina aderimos á xornada de mobilizacións que terán lugar en máis de 46 localidades galegas. 

 Este luns, 15 de decembro ás 20:00 horas, vémonos na Guarda, na praza Avelino Vicente e, en Tui, na praza da Inmaculada. 

 Por Palestina libre! 

 Solidariedade coa Palestina!

Ningún comentario:

Publicar un comentario