Galicia reforza os seus vínculos transfronteirizos con Portugal grazas ao proxecto Visit Minho Plus
• O director de Competitividade de Turismo de Galicia participou no segundo taller da iniciativa, que busca promocionar o produto Fortalezas
Foto: X.G.
Infogauda / Salvaterra de Miño
O director de Competitividade de Turismo de Galicia, Iván Meléndez, participou esta mañá no segundo taller do proxecto europeo Visit Minho Plus, no que a Xunta participa como socia. En concreto, esta iniciativa está destinada a promocionar o produto Fotalezas, ademais de reforzar as relacións comerciais entre as comunidades transfronteirizas e de promover a divulgación e comercialización de produtos autóctonos.
Iván Meléndez destacou o carácter “estratéxico” do proxecto no reforzo dos lazos transfronteirizos con Portugal, que con este taller permite “intercambiar experiencias e coñecemento no que se refire aos nosos recursos naturais, onde a sostibilidade se presenta coma un factor fundamental para a consolidación do modelo turístico que estamos a impulsar desde a Xunta”. Así consta na Estratexia de Turismo 2030, que ten a aposta polo modelo sostible como un dos seus obxectivos.
O responsable da área de Competitividade referiuse ao proxecto Visit Minho Plus como un “perfecto exemplo” desta visión, no que “da man da colaboración entre as administracións públicas e tamén do sector, buscamos afondar nun destino turístico diferenciado que axude a fixar poboación”. Ademais, salientou o potencial da iniciativa para crear distintos produtos turísticos que definan Galicia como un destino único e para afondar no turismo como impulso da rehabilitación e mellora de infraestruturas, equipamentos e recursos.
O 10 de novembro celebrouse tamén o primeiro taller no marco do mesmo proxecto en Tui, en torno ao produto do Río Miño Navegable.

Ningún comentario:
Publicar un comentario