12 de nov. de 2025

PONTEVEDRA

Luis López traslada á construción o seu apoio como sector “clave e estratéxico” para converter en realidades os 128M€ da Deputación para investimentos nos concellos 

O presidente provincial, xunto co vicepresidente Rafa Domínguez, participa nun almorzo con representantes do sector en Pontevedra para presentar os plans provinciais de obras


O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, vén de participar este mércores no Liceo Casino de Pontevedra nun almorzo informativo con representantes da Asociación de Construtores de Pontevedra 

Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala a construción como un sector clave para a provincia. Acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, o mandatario provincial vén de participar este mércores no Liceo Casino de Pontevedra nun almorzo informativo con representantes da Asociación de Construtores de Pontevedra no que reafirmou a condición da Deputación como "aliado leal" do sector, actor fundamental para levar a cabo os investimentos impulsados polo organismo provincial a través de distintos plans de cooperación cos concellos; así como para trasladarlle as dificultades da administración para sacar adiante os proxectos de obra pública.  

 "Unha das nosas bandeiras é escoitar e entender para logo atender, nesta xornada recollemos moitas cousas para seguir apoiando un sector clave para a provincia. A Deputación é un aliado leal, nos momentos de maiores vicisitudes artellamos plans de investimentos, pero tamén lles trasladamos unha preocupación que hai entre os alcaldes e alcaldesas da provincia, que é que a obra pública teña preferencia para que poidan ser unha realidade canto antes porque é fundamental para mellorar a calidade de vida da veciñanza", resumiu López o contido do encontro.  

 A posición do organismo provincial como "socio estratéxico" dun sector que "é un motor económico, unha fonte de emprego e riqueza e un vector de transformación ambiental e territorial imprescindible para a provincia" argumentouna López presentando os investimentos previstos pola Deputación para o 2026 no conxunto da provincia que suporán unha importante inxección de carga de traballo para as empresas deste sector.  

 Deste xeito, o presidente informou aos construtores que a Deputación contará co maior orzamento da historia do organismo o vindeiro ano, 239 millóns de euros que servirán para realizar investimentos nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes por valor de 128 millóns de euros ao abeiro dos plans +Provincia, Plan Extra e Plan de Infraestruturas Deportivas, así como os convenios bilaterais coas cidades de Vigo e Pontevedra valorados en 7,5 millóns de euros aos que se suman proxectos estratéxicos como os de Balaídos e Cine Fraga en Vigo ou Santa Clara, o novo edificio do Museo e a maior reforma da historia de Príncipe Felipe en Pontevedra.  

 Así mesmo, tamén destacou López que a provincia do deporte apontoarase con novos investimentos a través dunha novidosa liña de apoio a clubs e entidades valorada en 1,8M€ que se suman aos 20M€ que terán mobilizados as tres convocatorias dos Plan Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas nos concellos; a atención ás estradas reforzan a súa dotación en máis dun 50 % ata rozar os 40M€ e o apoio aos colectivos veciñais e comunidades de auga o enerxéticas tamén repercutirán no sector da construción ao incentivar a Deputación as actuacións nas súas instalacións.  

Dificultades na obra pública  

 "Do mesmo xeito que somos unha administración que dá, agardamos que esa vontade de colaboración sexa recíproca", contextualizou o dirixente antes de poñer en coñecemento do sector un problema que está a lastrar a execución de proxectos de obra pública. "Nunca antes a Deputación puxo ao servizo da provincia tantos fondos para executar proxectos estratéxicos, pero estamos atopándonos cunha enorme dificultade á hora de encontrar profesionais e empresas para executar os nosos proxectos. Sabemos que a man de obra é escasa, a carga de traballo está en máximos e que os trámites administrativos dos contratos públicos son complicados. Pero tamén sabemos que sen servizos públicos de calidade e sen unha sólida colaboración público-privada, esa velocidade de cruceiro que está tomando a nosa economía pode frearse. É por iso que, como aliado leal e apoio estratéxico do sector da construción, pídovos un pequeno esforzo: unha maior sensibilidade e atención aos contratos de obra pública, que son un instrumento vital para a cohesión social, a vertebración do territorio e, en definitiva, para construír unha provincia máis forte, competitiva e xusta", trasladoulle o presidente Luis López aos representantes do sector.  

 Antes de dar por concluído o almorzo, tanto o presidente Luis López como o vicepresidente Rafa Domínguez recoñeceron a importante achega da construción á economía da provincia e reafirmaron o compromiso da Deputación para seguir tendendo pontes co sector. "Non ides atopar neste goberno da Deputación ese discurso incomprensible que demoniza un sector estratéxico para o avance, a modernización e a transformación da provincia. De nada servirían as nosas iniciativas e ideas sen o voso músculo e ferramentas. Unha actividade esencial non só para dotar de continentes á nosa vida social, tamén de contido. Que sería da nosa economía son as cifras de facturación e emprego que garante este sector de sectores?", concluíu o presidente provincial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario