Tui aposta polo medio ambiente cun novo vehículo eléctrico e puntos limpos móbiles
• O Concello de Tui recibiu hoxe o novo equipamento que supuxo un investimento de case 121 mil euros
Infogauda / Tui
O Concello de Tui aposta polo medio ambiente coa incorporación dun vehículo 100% eléctrico e de dous puntos limpos móbiles que supuxeron un investimento de 120.939,50 €. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o concelleiro de Medio Ambiente, Ismael Diz; e o concelleiro de Parque Móbil, Miguel Méndez, recibiron hoxe da man da empresa adxudicataria este novo equipamento que permitirá mellorar o servizo que se presta á cidadanía, así coma facilitar o labor aos operarios municipais.
Os puntos limpos móbiles irán rotando, dende a próxima semana, polas parroquia tudense facilitando así á veciñanza a reciclaxe de até 14 tipos de residuos sen ter que desprazarse ao punto limpo situado en Guillarei. En concreto cada módulo conta con caixas para a recollida de xoguetes e outros plásticos duros que non sexan envases; tóner e cartuchos de impresora; aerosois e envases de pinturas e vernices; lámpadas; tubos fluorescentes; pequenos electrodomésticos; pilas e baterías de electrodomésticos; trapos e absorbentes contaminados; pequena chatarra; materiais electrónicos de informática e telefonía; CDs e DVDs; aceites de cociña usados; cargadores e auriculares; e radiografías.
O novo vehículo é un camión eléctrico Ford Transit con guindastre, caixa aberta e basculante, con cabina para tres prazas incluído o condutor. O guindastre ten capacidade de elevación maior ou igual aos 700 kgs a 3,5 metros, con brazos estabilizadores e cadeas ou ganchos para levantar o módulo.
O concelleiro de Medio Ambiente, Ismael Diz, destaca con este novo equipamento “ampliamos o servizo do punto, e converte nun punto limpo móbil ao distribuír os módulos de forma semanal polas parroquias”. Deste xeito búscase facilitar a reciclaxe de elementos de pequenas dimensións. Engade o concelleiro que “apostamos firmemente pola reciclaxe”.
Grazas ao vehículo 100% eléctrico reduciranse de forma significativa as emisións contaminantes, ampliando así a flota municipal con cero emisións. A isto súmase que o poder contar de forma rotatoria cos puntos limpos móbiles nas parroquias incrementarase a taxa de reciclaxe e evitarase o depósito de residuos en lugares inaxeitados.
O investimento realizado de case 121.000 euros foi financiado por unha parte con 40.000 euros de fondos propios recollidos na correspondente partida dos orzamentos de 2025, e o importe restante con cargo as axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión EuropeaNextGenerationEU.

Ningún comentario:
Publicar un comentario