O Guardés retoma a Liga recibindo ao Elche
• O Mecalia acollerá a décima xornada ligueira este mércores (21.00 horas) ante o Atticgo BM Elche na Sangriña, nun partido dedicado á campaña NON contra a violencia de xénero de Deporte Galego
• Trala fin de semana europea, o equipo miñoto suma a nova ausencia de Ania Ramos, en repouso debido a unha escordadura de nocello durante o partido do sábado
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés retoma a Liga coa derradeira semana desta frenética etapa do calendario. Este mércores, o equipo baixomiñoto recibirá ao Atticgo BM Elche (21.00 horas) na Sangriña para disputar o primeiro dos seus encontros ligueiros da semana, e dos dous últimos antes do parón mundialista. As de Ana Seabra irán a por todas malia a nova baixa de Ania Ramos, quen se lesionou o nocello esquerdo en Bulgaria, que se suma á ausencia de Nerea Gil. O partido estará dedicado á campaña NON de Deporte Galego contra a violencia de xénero.
O Guardés chega tras superar o reto europeo, e con nota. A pasada fin de semana as de Ana Seabra non deixaron opcións ao HC Byala anfitrión, ao que remataron vencendo por unha diferenza global de 41 goles (19-45 na ida, 39-24 na volta e 43-84 no global). O equipo español fixo patente a súa superioridade xa antes do descanso do encontro do sábado, e finalmente converteuse nun dos primeiros clasificados para oitavos de final da EHF European Cup. O conxunto baixomiñoto segue a sumar quilómetros e experiencias e a amosar unha grande coordinación colectiva que o sitúa xa con mellores números que o curso pasado a estas alturas, no que acabou campión da liga regular.
O desafío para este mércores, con todo, é moi diferente. Ao Mecalia espéralle a derradeira das catro semanas máis esixentes da primeira metade da tempada, de novo, con dobre xornada. E para ambas, o cansazo e as lesións son as maiores ameazas; pois por un lado aínda non se cumpriron 24 horas dende que as xogadoras pisaron A Guarda tras dous partidos consecutivos, e polo outro, eses dous encontros supuxeron unha nova ausencia, aínda que puntual, entre as súas filas. O sábado, Ania Ramos sufriu unha escordadura no nocello esquerdo que lle xerou unha inflamación preocupante e apartouna do xogo ao día seguinte. A estremo visitou ao fisioterapeuta do Club este martes, quen lle recomendou repouso para evitar problemas derivados. Ramos irá na convocatoria este mércores, pero manterase no banco para asegurar o seu descanso.
Con este panorama recibe A Sangriña a un equipo que a fixo sufrir ao termo da pasada tempada. O Atticgo BM Elche foi o causante de que o Guardés caese na casa en semifinais da eliminatoria polo título ligueiro, asegurando cun sete metros nos derradeiros segundos a renda de catro goles que obtivera como anfitrión na ida (26-22 en Elxe, 23-20 no Inferno e 45-46 no global a favor das ilicitanas).
O Elche chega tamén de xogar a eliminatoria europea de forma íntegra a domicilio, en Macedonia do Norte contra o Skopje, ao que tamén superou sen problemas para clasificar a oitavos (44-35 global). En canto á Liga, con todo, as de Joaquín Rocamora acumulan un historial complicado de tan só tres vitorias e seis derrotas, varias delas contra rivais directos na táboa. O seu último encontro na elite nacional data do 1 de novembro e trátase dunha avultada caída ante o Rocasa Gran Canaria (15-25).
Aínda que a competición española estea a resistírselle ao equipo valenciano, que nota as importantes saídas de Marisol Carratú e Kelly Rosa, o certo é que en Europa semellou ser outro e ofreceu a súa característica competitividade, a mesma que o mantén como a mellor defensa da Liga só por detrás do Mecalia; e a mesma que, en definitiva, o curso pasado levouno a asaltar a recta final ligueira. Na Guarda son conscientes deste factor sorpresa, que non permite relaxarse nin deixar que o cansazo acumulado pese, e tirarán da entrega dunha afección que quedou con ganas de vivir Europa na casa a pasada fin de semana.
Ana Seabra: “Sen fixarnos na clasificación, sabemos a calidade que ten este equipo”
Para a adestradora do Guardés, como vén sendo habitual, a posición na táboa non di nada de cara ao partido. “Sen fixarnos na clasificación, porque nesta Liga non ten moito sentido, enfrontámonos a un equipo que segue a medrar, cuns partidos mellores ca outros”, indica Seabra, destacando que “sabemos a calidade que ten” o Elche.
De cara ao encontro, a folla de ruta guardesa está máis que clara: “Queremos impoñer a nosa solidez defensiva e seguir medrando nas dinámicas e recursos ofensivos individuais e colectivos”, explica a técnica. O conxunto ilicitano recibiu apenas 22 goles en contra de media nos seus nove partidos xogados, unha cifra que só reduce o Guardés con algo máis de 21,7. Por iso Seabra marca estes obxectivo como chaves “para facer fronte aos problemas que sabemos que o Elche nos pode presentar coa súa defensa híbrida”.
A tensión está servida, e A Sangriña está disposta a gozala como só ela sabe. A preparadora local coincide: “Vai ser un partido moi celebrado para ambos equipos e, seguramente, con poucos goles”.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 10
Mecalia Atlético Guardés – Atticgo BM Elche
Mércores, 12 de novembro, ás 21.00 horas, no Pavillón da Sangriña
Retransmisión pola canle de YouTube do Club Balonmán Atlético Guardés:

Ningún comentario:
Publicar un comentario