Tomiño compra unha parcela de 2.300 m2 en Santa María de Tebra
• O Concello xa ten redactado o proxecto de recuperación do espazo público para as persoas, na contorna da igrexa
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
Tomiño emprende un novo proxecto para transformar a contorna da igrexa románica de Santa María de Tebra nun espazo público accesible e seguro, destinado ao uso e desfrute da veciñanza e á protección do patrimonio. O Concello adquiriu por 140.000 euros unha parcela de 2.300 metros cadrados fronte á fachada da igrexa, unha localización estratéxica que permitirá crear unha gran praza que se converterá en punto de encontro de veciños e veciñas e nun escenario único para actividades sociais, culturais e relixiosas de toda a parroquia e realzar o valor patrimonial da igrexa.
A alcaldesa de Tomiño sinalou que “esta compra supón un paso decisivo para recuperar espazos para as persoas, poñendo en valor o patrimonio histórico e cultural da parroquia. Queremos que a contorna da igrexa se converta nun lugar de convivencia, de encontro e de dinamismo, onde veciños e visitantes poidan desfrutar e participar na vida da comunidade”.
O Concello xa ten redactado o proxecto de ‘Recuperación do espazo público para as persoas na contorna da igrexa de Santa María de Tebra’, unha iniciativa que se leva a cabo tras varias reunións cos veciños e veciñas nas que se adquiriu o compromiso de mercar esta parcela para poder desenvolver dun xeito claro e ambicioso a ampliación do espazo público.
Deste xeito, o proxecto céntrase en priorizar o tránsito peonil, mellorar a accesibilidade e a seguridade, protexer os elementos patrimoniais como a Torre de Tebra, o cruceiro e as árbores existentes, e integrar o espazo co núcleo cultural e o colexio da parroquia. A creación deste espazo público de calidade fronte a igrexa permitirá tamén incentivar o desenvolvemento económico local, de atracción potenciando a actividade comercial na zona. Ademais, o Concello estudará a mellora das infraestruturas existentes, incluíndo saneamento, alumeado e soterramento de telecomunicacións, fomentando un espazo de calidade que favoreza tamén o desenvolvemento económico e social local.
A actuación prevista permitirá crear un núcleo de centralidade para Tebra, cohesionar espazos históricos e culturais, e ofrecer unha nova praza aberta que poida acoller actividades relixiosas, sociais e culturais, fortalecendo a identidade e a vida comunitaria da parroquia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario