O Concello do Rosal propón nove medidas á Xunta para mellorar o transporte público na comarca do Baixo Miño
• O Concello presentou propostas para incrementar frecuencia, conexións e accesibilidade adaptadas ás necesidades da veciñanza e á realidade dun territorio en crecemento
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
Moverse polo Baixo Miño non debe ser un desafío para a cidadanía. Con esta premisa, o Concello do Rosal presentou á Xunta de Galicia nove propostas concretas para mellorar o transporte público tras a rescisión da concesión, entre o goberno autonómico e a empresa, e o redeseño da liña XG883 que conecta a comarca co sur de Vigo.
O Concello defende que o transporte público debe ser un eixo vertebrador esencial, conectando a veciñanza con outros Concellos da comarca, a área sanitaria de referencia, a Universidade de Vigo e os centros de traballo, ao tempo que contribúe a ofrecer calidade de vida e oportunidades de emprego. Esta reivindicación é especialmente relevante nun concello como O Rosal, o segundo que máis medrou en poboación na provincia de Pontevedra nos últimos tres anos.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “estas propostas nacen dunha análise real das necesidades da veciñanza e dun territorio en crecemento, onde a mobilidade non é só un servizo, senón unha oportunidade de desenvolvemento e igualdade de oportunidades. Por iso reclamamos á Xunta unha resposta eficaz que permita mellorar a frecuencia, a cobertura e a calidade do transporte, porque unha comarca ben conectada é unha comarca máis competitiva e con mellor calidade de vida”.
Entre as propostas destaca a petición de incremento da frecuencia horaria, reducida substancialmente no redeseño do ano 2019. Pide así recuperar o servizo de autobuses cada media hora durante todo o día e reforzos nos horarios saturados, especialmente os venres e fins de semana, para paliar a irregularidade actual que provoca que haxa horarios con autobuses cheos e ata 20 persoas viaxando de pé nun transporte de longa distancia.
O Concello tamén solicitou conexións directas co núcleo urbano do Rosal, garantindo que a maioría das liñas pasen polo centro do Calvario, como ocorre no resto de municipios colindantes, e o mantemento e reforzo das liñas para os preto de 100 alumnos e alumnas que se desprazan cada día ao IES A Sangriña da Guarda, centro de referencia para os estudos de bacharelato e ciclos formativos para o alumnado do Rosal que remata os seus estudos da ESO no CPI Manuel Suárez Marquier, garantindo así o dereito á educación.
O Concello tamén reclama rutas directas ás áreas sanitarias de referencia, conectando O Rosal co Hospital Álvaro Cunqueiro e o Meixoeiro dende o centro do municipio, xa que na actualidade son escasas ou case inexistentes e moi pouco eficientes pola longa duración da viaxe. Imprescindibles tamén liñas ao Campus Universitario de Vigo polo menos nas horas centrais das xornadas para a entrada e saídas das aulas para facilitar o desprazamento da mocidade que estuda alí cada día.
Entre as propostas de mellora, o Concello pide o reforzo da liña circular entre O Rosal e A Guarda así como melloras de conexión entre as parroquias, tamén as máis afastadas, e o núcleo do Rosal e A Guarda. Nelas viven rosaleiros e rosaleiras, moitas de idade avanzada, que só dispoñen do transporte público para poder achegarse algunha vez por semana a facer xestións ou usar servizos nos dous municipios. Neste camiño, o Concello tamén propón a creación dunha liña de transporte que permita o acceso da veciñanza de San Xian e Portecelo ao núcleo do Calvario, agora inexistente, e maiores conexións de ida e volta coa Guarda na liña da costa.
Por último, máis alá de medidas extraordinarias como foi a gratuidade do transporte, o Concello tamén propón á Xunta unha revisión das tarifas e un abaratamento dos billetes para evitar unha discriminación con respecto a outros territorios e poder ser competitivos en igualdade de condicións.
Coas propostas presentadas, o Concello pretende garantir un transporte público accesible, eficiente e adaptado ás necesidades do día a día, favorecendo tanto a mobilidade do alumnado como dos profesionais, persoas maiores e cidadanía en xeral, reforzando o papel do transporte como un verdadeiro servizo público e un motor de desenvolvemento territorial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario