Un roteiro de cosmética natural polas Aceñas abre os Obradoiros de Outono do Rosal
• O Concello organiza o 8 de novembro (de 10:00 a 14:00h) un taller para identificar plantas e aprender a preparar ungüentos
• Aberto o prazo de inscrición para participar neste obradoiro dirixido a todos os públicos con prioridade para menores de 30 anos
Infogauda / O Rosal
As plantas agochan segredos que curan, coidan e conectan co territorio. Co desexo de redescubrir ese saber natural, o Concello do Rosal estrea unha nova edición dos Obradoiros de Outono cun roteiro de cosmética natural polas Aceñas, da man de Biophilia, o sábado 8 de novembro.
Trátase dunha saída práctica e participativa na que as persoas asistentes poderán aprender a identificar plantas silvestres, coñecer as súas propiedades e elaborar con elas preparados e ungüentos naturais. A xornada incluirá tamén unha merenda con herbas silvestres de tempada, poñendo en valor a conexión entre o coidado persoal e o respecto polo medio ambiente.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salientou que “programas coma este reflicten o noso compromiso cunha oferta cultural diversa, participativa e accesible, que valoriza a artesanía, a natureza e o talento local. O Rosal é unha terra de creación, e queremos seguir potenciando espazos onde a xente poida expresarse e compartir experiencias”.
Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude, Alejandro González, explicou que “os Obradoiros de Outono son unha porta aberta á aprendizaxe e á participación. Queremos ofrecer á mocidade propostas que conecten coa natureza e co benestar, actividades que inspiren e axuden a descubrir novas formas de creación e coidado”.
Este primeiro obradoiro está aberto a toda a veciñanza, aínda que terán prioridade as persoas menores de 30 anos. Celebrarase de 10.00 a 14.00 horas con lugar de saída no muíño das Aceñas e terá un prezo de 12 euros por persoa.
As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas poden xa formalizar a súa inscrición a través do formulario web habilitado polo Concello. Unha vez realizada a inscrición, o Concello contactará coas persoas interesadas para confirmar a súa participación e recibir información sobre o modo de pago.
Con esta nova edición dos Obradoiros de Outono, o Concello do Rosal reafirma o seu compromiso coa formación, a creatividade e a sustentabilidade, fomentando espazos de encontro e aprendizaxe compartida entre xeracións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario